Concello e FEVE negocian bonificar as viaxes para acudir á Romaría da O
Promocionar a Romaría da O. É a finalidade que persegue a concellería de Turismo de Narón, presidida polo edil José Luis Suárez, para recuperar unha das celebracións relixiosas con máis peso no municipio naronés. As accións encamiñadas a conseguir o obxectivo xa están en marcha e, nas mesmas enmárcase a reunión que o concelleiro mantivo onte co delegado en Galicia de Cercanías Rexionais de FEVE, Antonio Gómez, para analizar a viabilidade de bonificar o billete de tren na convocatoria que, como cada ano, terá lugar o segundo domingo do vindeiro mes de maio. A iniciativa aposta por atender unha das demandas plantexadas pola directiva da Asociación de Veciños de Pedroso ao alcalde, Xosé Manuel Blanco, nunha xuntanza que tivo lugar hai unhas semanas no consistorio, e na que se solicitaba a potenciación da Romaría da O con transporte gratuíto de FEVE, publicidade e convocatoria de eventos paralelos.
O Pazo da Cultura acolleu onte unhas xornadas sobre xénero e desenvolvemento
Alumnos da Escola de Teatro de Narón e integrantes da formación O Aturuxo de Melpómene inauguraron onte cunha representación teatral no Pazo da Cultura a segunda edición das Xornadas de Xénero e Desenvolvemento. A continuación, comezou a charla-coloquio Convivindo en equidade, organizada pola Rede Social Ferrolterra, formada por Axuda en Acción, Enxeñería sen Fronteiras, a asociación cultural Fuco Buxán, a ONG Lena, Mundo Cooperante e Solidaridade Internacional de Galicia. Na convocatoria colaboran o consistorio de Narón, Homes pola Igualdade e a Marcha Mundial das Mulleres.
O consistorio licita en 276.000 euros a instalación solar térmica e fotovoltaica de Irmás Froilaz
O Concello de Narón licitou en 276.436 euros as obras que permitirán dotar de instalación solar térmica e fotovoltaica ao Centro de Formación para o Emprego Irmás Froilaz, ubicado no polígono da Gándara. Os traballos cofinanciaranse con fondos da Unión Europea, a través do Plan Feder -nun 70%- e do consistorio naronés -que aportará o 30% restante-.
O Boletín do PSOE anima aos veciños a construír futuro contando coas súas propostas
A portavoz do PSOE naronés, Catalina García, e o concelleiro Vicente Rivas presentaron onte o terceiro Boletín Narón socialista, do que se distribuirán a partires da vindeira semana un total de 6.000 exemplares, tanto na zona urbana como na rural. Contamos contigo, estamos cerca de ti é unha das novidades que incorpora a publicación, instando á cidadanía a colaborar para construír o futuro da nosa cidade. Para tal fin, os socialistas animan a tódolos veciños a opinar sobre diferentes temas relacionados co concello, indicándolles que poden dirixirse ás súas sedes, chamalos ao número de teléfono 657 644 718 -de nove da mañá a unha da tarde- ou enviar un mail á dirección cercadeti.psoe.naron@gmail.com, dando participación aos veciños anónimos.
A AVV Trasancos organiza unha viaxe a Compostela con motivo da visita de Benedicto XVI
A visita que o Papa Benedicto XVI prevé realizar o vindeiro 6 de novembro a Galicia con motivo do Ano Santo levou á Asociación de Veciños Trasancos, de Santa Icía, a organizar unha excursión a Compostela para asistir á Santa Misa que oficiará na Catedral. A continuación, os asistentes comerán nun restaurante da zona, tal e como indicaron desde a AVV.