Ferrol Miércoles 3 de Diciembre de 2008


CÁNDIDO PAZÓ

ACTOR

“Non se contan historias só coa boca, a mirada e as mans tamén importan”

Cándido Pazó durante o obradoiro de narración oral JORGE MEIS

ENTREVISTA DE L.L.P.

O cómico, conteiro, monologuista, actor e dramaturgo Cándido Pazó imparte dende onte na biblioteca municipal de Ferrol o obradoiro “As mil e unha xanelas”, un taller de narración oral onde explica os segredos da súa arte: falar en público, xa sexa para contar un chiste ou unha historia máis longa. Cándido Pazó continuará dando os seus consellos durante dúas semanas máis.

Cal é o obxectivo que se persegue con este obradoiro?

­ Descubrir as potencialidades da xente para contar historias. Traballar esas potencialidades, facelas crecer, convertelas en destrezas a través de exercicios, prácticas e xogos.

­A quen vai dirixido?

­ É un seminario que non vai só destinado a quen queira dedicarse exclusivaamente a facer monólogos, contos ou historias, senon tamén á xente que nos seus oficios poida utilizar estas destrezas, como un profesor, un actor ou calquera persoa que traballe utilizando a comunicación oral. Penso que todo o mundo lle pode quitar moito proveito a un seminario destas características, independentemente de que teña intención de dedicarse ou non dunha maneira profesional a facer monólogos ou contar historias.

­O obradoiro anúnciase plantexando unha pregunta: “Cal é a diferenza entre contar un chiste aos amigos e un conto ao público?” Onde está a diferenza?

­ Cando ti contas un chiste o teu auditorio é mínimo é, normalmente, un auditorio máis ou menos amigo co cal establecer unha ponte de comunicación, en principio, é máis fácil; despois pode que contes mellor ou peor o chiste. Pero cando tes que estar contando unha historia a un público máis amplo onde ti eres o protagonista enriba dun estrado esa ponte comunicativa é máis complicada e hai que facer un maior esforzo. Hai que amplificar iso que estamos contando con técnicas como a maneira de repartir o discurso, a xesticulación ou a mirada. A mirada é importantísima, sempre lle digo á xente que non se conta coa boca se conta cos ollos. Captar á xente coa vista aínda que a xente estea lonxe é moi importante. Está tamén o uso das mans que, en certo modo, son as que direccionan a palabra. Esta serie de cousas fan que iso que é contar un chiste a catro ou cinco de repente cobre unha dimensión maior e poidas contarlle algo, o que sexa, a corenta, douscentos ou catro mil.

­Hai quen di que para falar ben en público é imprescindible estar nervioso.

­ Imprescindible non é, é inevitable. Eu levo moitos anos nisto, hai uns anos fixen unha festa para celebrar a miña actuación 1.111 co cal quero dicir que teño moita práctica, pois a pesar de todo sigo poñéndome nervioso, sigo tendo as miñas dúbidas e os meus medos. O que pasa é que as dúbidas, os medos e o nerviosismo significan no fondo que o espírito está alerta. O que hai que facer é aproveitar ese estar alerta do corpo para ir para diante, para conseguir cousas. Evidentemente non sempre tes o mesmo nerviosismo; hai funcións nas que te poñes máis nervioso porque non coñeces ao público, porque non dominas a temática,... Por exemplo, hoxe (por onte) vou dar este seminario, dei moitos, sei do que vou falar pero a pesar de todo estou nervioso...

­É inevitable.

­ Inevitable, por iso tes que tratar de aproveitalo, reconducilo convertelo nunha especie de motor que te pon alerta e que te lanza e non hai que terlle medo. Simplemente hai que aprender a canalizar o nerviosismo para que non te bloquee.

­ Cales son as claves para triunfar falando diante dun auditorio?

­ A clave do éxito é encontrar a maneira de comunicar directamente. Non todo o mundo ten a mesma; hai xente que ten unha gran potencia na mirada e só mirando te atrapa, te captan; hai xente que ten unha palabra moi ben armada; hai xente que ten un ton de voz marabilloso que é como unha música que te atrapa. Descubrir cales son os recursos que podes ter para atrapar a atención do público ou que combinación deles chegan ao público é fundamental. Ademais, non se pode creer que a historia polo simple feito de ser bonita xa vai a atrapar ao espectador. Tes que ser ti coa túa capacidade de achegarte ao público o que atrapes ao público con historias que non son bonitas.

­De onde sae o título de “As mil e unha xanelas”?

­ Vén sendo unha maneira de explicar que cando contamos unha historia estamos abrindo ventaniñas como en “Windows”, abres a grande, despois hai unha máis pequena que se pecha, outra que queda inactiva, outra da que parece que te esqueceches pero que a volves facer activa, unhas dentro, outras fóra,... Eu o que fago é abrir xanelas que logo se van pechando e que unhas van relacionándose con outras; eu o chamo “estilo tabernario”, por aquilo de que nas tabernas un empeza contando unha historia e vanse unindo máis. A clave está en non esquecer que esas xanelas están abertas, en ilas pechando organizadamente, volver á xanela na que estabas no momento no que saíches cara á outra e ir circulando por elas sen que se bloquee o sistema. Ademais, por outro lado, cada un ten que saber que capacidade ten para abrir unha, dúas, tres ou catro xanelas ao mesmo tempo.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |