Opinión
Martes 6
de Enero de 2009
IGUALIÑO
VICENTE ARAGUAS Nalgún dos chistes que líamos nos anos cincuenta-sesenta había unha sección que se chamaba chistes viejos con caras nuevas. Esa mesma sensación estou tendo no chamado pomposamente tren-hotel que une Ferrol con Madrid, e no que vou escribindo este miudiño, ás oito horas e cinco minutos da mañá, xa con media hora de retraso.
Isto de entrada, logo está que a cabina individual na que viaxo (clase preferente, ben sei que existe a gran clase, que si ten ducha e retrete, pero eu buscaba equivalencia -tamén no prezo- á da miña praza no Rías Altas) xa perdeu comodidades respecto das que presentaba o expreso. Verbigracia, a ducha e mesmo aquel simpático ouriñal estratosférico que aínda aforraba algunha saída nocturna ao retrete común. Para os non usuarios da Renfe direi que tal invento desaloxaba o seu contido a través dun enxeñoso mecanismo, polo que non había que aturalo toda a noite, lástima fora. Logo, o pimpante tren-hotel presenta a novidade de restorán e bar. Do primeiro nada digo pois aínda non o catei. O segundo está previsto para consumir nel a fume de carozo, pois non ten nin un mísero asento, nin na barra, nin onde as fiestras.
O café, por dicir algo bo, é de máquina e semella xeitoso. O zumo, embotellado. A bollería, vulgarísima. Así que o tren-hotel (sigue sen comunicar Ferrol con Madrid os sábados, día maldito pois) ben pouco mellora. Por riba tarda máis, xa que ven por Coruña, así que vostedes dirán.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |