Opinión Martes 6 de Enero de 2009


CRISE

XOÁN A. GARCÍA LÓPEZ

Ocórreseme as veces pensar na xente que ten problemas cando debera facelo con máis frecuencia; e non só pensar, tamén axudalos. Facerlles a vida máis levadeira, anque só sexa dándolles ánimo. Sen deixar de pensar en min, claro está, que non son un santo.

Pero, esta crise tan cacareada e tan real que ó lombo temos faime chegar a unha reflexión, reflexión á fin e ó cabo dunha persoa que non ten coñecementos sobre a materia de economía: ¿Puidera ser esta crise económica mundial o resultado, a consecuencia da crise política, tamén mundial, pola que milleiros de persoas, de xeito ilícito, conseguiron incalculables e incontroladas fortunas? Porque, non me digan que é un castigo divino. Anque se me falan dunha praga, dunha calamidade, dunha epidemia, ou dun andazo provocado que non nos vai afectar a todos por igual, puidera estar de acordo.

Por causa desta crise que está traendo unha grande recesión económica (traballo, producción, vendas, investimentos, benestar social, etc.,) inxusto é, que a clase traballadora, aqueles ós que nos explotan de por vida, sexamos os “paganinis”, os que lles ergamos a paletilla a esas samesugas que nunca se dan por fartas de poder e de diñeiro.

Eles, responsables dirixentes das grandes potencias económicas, especuladores cos fondos de alto risco e tanto máis, explotadores, ás veces escravizadores de poboacións enteiras, capaces de deixar na máis profunda miseria a millóns de persoas pola súa cobiza inconmensurable e a súa enfermiza ansia de apetar e dilapidar centos de millóns de dólares ganados co suor da testa dos traballadores, tantas veces sometidos a humillacións e tratos inhumanos; caso dos menores de idade por poñer un exemplo, pero hai centos de casos máis.

Gustaríame escribir sobre temas lindos, agradables, alegres, non tan preocupantes pero, neste preciso momento difícil é, e sen ser pesimista a cousa non é para se esmendrellar coa risa, nin para tomar a broma. Tampouco para chorar, que do choro nada se obten.

De calquera xeito habemos saír adiante. Esta crise non é un pozo sen fondos (cartos hai), nin un túnel sen saída. Costará sangue, suor e disgustos. Uns apretarémolo cinturón, outros cambiarán a tirantes. Uns reduciremos gastos, outros seguirán gastando o mesmo, incluso máis, xa que as crises non son malas para todos, e xa se sabe, a río revolto ganancia de pescadores.

Nunca choveu que non escampara e nunca chove ó gusto de todos. Dalgún, de moitos sí. Sen dúbida, despois desta crise mundial haberá unha nova orde político-económica. Puidera que o capitalismo salvaxe saíra fortalecido e a clase traballadora, mans escravas e lombo canso, teña que seguir currando para enriquecer ós de sempre. Poida tamén que o sentido común nos leve polo bo camiño.

Anque son escéptico por natureza teño esperanza (o último que se perde) que a nova orde sexa máis igualitaria, cun reparto máis equitativo da economía. Unha nova orde onde, tan sequera, ninguén pase fame, estivera falto de escola e de medicamentos. Unha nova orde onde todos e todas poideramos ter traballo e foramos á fabrica, á oficina, ó posto de traballo coa mesma ansia que se a empresa fora nosa. Unha nova orde onde non houbera guerreiros nin guerras, explotadores nin explotados. Onde non existiran persoas desesperadas pola miseria, nin pateras, nin terceiros mundos.

Ogallá que esa nova orde dea paso a unha nova andaina por estradas xuntas e paralelas onde o razoamento sexa a clave e a chave do problema. Os pobos e as persoas que neles habitamos estamos chamados a falar unha mesma lingua, no social e no económico. Non somos animais.

Non pechémolos ollos á realidade. Gustaríame seguir confiando na política. Nos políticos xa é outra cousa. Ten que haber moito máis que promesas e boas intencións.

A clase traballadora non quere seguir pedindo esmola. Importante o cambio co señor Obama, pero EEUU non debe seguir dirixindo unilateralmente o destino do mundo.

Todos temos que actuar, xuntos, sen desquite pero sen rebaixarnos a ningún poder: Si, podemos!

 

Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |