Ferrol Martes 2 de Diciembre de 2008


Urza rende homenaxe a Oteiza na súa nova exposición en Sargadelos

REDACCIÓN > FERROL

Javier Meléndez Ortega, Urza, inaugura mañá unha nova exposición na galería Sargadelos, onde xa amosou o seu traballo en varias ocasións. Agora faino para render homenaxe ó artista vasco Oteiza, nunha mostra que se titula “No límite”.

Urza é técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística e asistiu ademais a numerosos cursos, entre eles o impartido por Agustín Ibarrola no Macuf en 2005, do que saiu a súa exposición “O trazo discontinuo”, que se puido ver en Ferrol.

É responsable da Escola Municipal de Artes Plásticas de Betanzos e director da Bienal Internacional de Pintura “Balconadas”. Ademais, foi profesor en Sada, responsable da redacción de diferentes publicacións de artistas galegos e españois e responsable de proxectos editoriais do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.

A súa obra está en numerosos concellos de Galicia e do resto da península, entre eles o de Ferrol, así como en Colombia, país onde residiu e onde dirixiu o Seminario de Estudos Cerámicos de Timaná.

Expón asiduamente, tanto de xeito individual como en mostras colectivas, desde o ano 1982. Ademais foi seleccionado para certames como o Antonio Fraguas da Deputación da Coruña, a Bienal Díaz Pardo, o Concurso Nacional de Cerámica de San Isidro ou o Certame de Artes Plásticas Cidade de Lugo.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |