Ferrol
Martes
2 de Diciembre de 2008
A análise da pintura de María Manuela abriu a súa homenaxe
Un momento da mesa redonda celebrada onte no Ateneo CARLOS CARBALLEIRA REDACCIÓN > FERROL
Galicia enteira renderá homenaxe o xoves á artista ferrolá María Manuela. Será nun multitudinario concerto, para o que non quedan entradas, no que participarán grandes nomes da cultura do país. Pero xa desde onte vaise quentando o ambiente coa revisión da súa traxectoria.
Na voz amiga de María Manuela estamos todas e todos. As súas notas e as súas palabras están ateigadas de pobo. Así escriben sobre a artista ferrolá os promotores da homenaxe no teatro Jofre. Trátase de recoñecer o seu traballo no eido da música e no da pintura, pero tamén a unha personalidade atenta ó seu mundo, solidaria e disposta sempre a colaborar con quen llo requira.
Por iso son máis dunha trintena de artistas e de grupos os que subirán con ela ó escenario, nunha gala que se emitirá pola Televisión de Galicia.
E tamén por este motivo son moitos os amigos que poden falar dunha ou doutra faceta da súa vida. Onte comezaron os actos desta homenaxe galega no Ateneo Ferrolán. Alí falaron da pintura de María Manuela e do seu tempo Alfonso Costa, Eva Veiga e Siro López, nunha conversa moderada por Chelo Loureiro.
Ademais, como mostra, nas instalacións desta entidade cultural pode verse ata o 14 de decembro unha selección de obras da propia artista.
A análise da súa música e do tempo apaixoante na que se desenvolveu, na súa maioría, será esta tarde, ás oito, no Ateneo. Neste caso invervirán Ánxela Loureiro, Mini e Mero, Pepe Dopico e Xurxo Varela. A charla estará moderada por Xulia Díaz.
O acto do xoves, no Jofre, estará presentado por Xurxo Souto e conta coa presenza, entre outros, de María do Ceo, Nani García, Rosa Cedrón, Pilocha, Guadi Galego, Susana Seivane, Ugia Pedreira, Uxía, Xoán Rubia, Paloma Suanzes ou Odaiko.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |