Opinión
Lunes 17
de Noviembre de 2008
DAR CRETO AO CRÉDITO
RAMÓN LATAS Seica hai crise, non se sabe moi ben desde cando, porque para a oposición haina desde moito antes de que a houbese, e para o(s) Goberno(s) haina moito despois de que xurdise. Tampouco se sabe moi ben de quen é a culpa. Ben, si se sabe: é de ZP, pero aínda non está claro que culpa ten. Ao principio tíñaa da propia crise, pero logo resultou ser unha crise do mundo occidental (os países do outro mundo, meu coitados, hai xa décadas que a padecen). Entón pasou a tela por non tomar medidas. Unha vez que as tomou, tivo a culpa de non facelo antes. E así sucesivamente (consultar medios especializados en zetapeculpismo, si, si, eses mesmos que din que en Galiza levan á cadea por falar castelán e outras contumaces verdades).
O conto é que, neste mundo globalizado polo enchedor de globos ianqui, os efectos desta desfeita económica estanse a deixar notar en calqueres, mesmo en países coma o noso, onde un dos sinais de identidade máis evidentes -e miren que temos uns cantos, aínda que os españoleitors zetapeculpistas pretendan que se limiten a sermos a reserva marisqueira do noroeste español, que se dicía en tempos do retaco- son os nosos recursos económicos. A economía galega vira ao redor de eixos como a pesca, a gandeiría, o agro -a industria agroalimentaria, en definitiva- e un sector industrial que en non poucos casos foi a envexa de non poucos lugares do Estado. As eivas, as de case sempre: as infraestruturas. Pero resumindo, é obvio que se pode falar dunha economía propiamente galega que, independentemente da obvia e lóxica interacción con axentes económicos de alén das nosas fronteiras, debe e debería ter entidades político-económicas de seu para botar man delas cando, como acontece agora mesmo, for preciso. De feito, a proposta realizada estes días polo BNG verbo da creación dun instituto de crédito galego, que canalizase as axudas e o pulo aos nosos sectores afectados pola crise -case todos-, é unha reclamación que xa vén de vello e que, como mesmo recoñecía o presidente Touriño, mesmo figuraba no programa socialista (galego). De feito, se xa puidésemos contar con el con anterioridade, se cadra agora outro galo nos cantaría, pero non é así. E non por culpa de ZP, precisamente.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |