Ferrol
Jueves
20 de Noviembre de 2008
As mellores obras do premio Jesús Núñez, na Casa das Palmeiras
REDACCIÓN > FERROL
Unha selección de trinta obras das que se presentaron ó premio internacional de arte gráfica Jesús Núñez, convocado pola Deputación da Coruña, pode verse desde onte na Casa das Palmeiras de Neda. Alí está exposta a obra gañadora -Scratch, do italiano Aristide Stornelli- e os accésits.
Ata a Casa das Palmeiras de Neda chegou unha das múltiples exposicións itinerantes que organiza a Deputación da Coruña. Nesta ocasión trátase dos mellores traballos que se presentaron ó premio de artes gráficas que se instituiu recentemente. Na súa segunda edición gañouno o italiano Aristide Stornelli, coa obra Scratch, e os accésits foron parar á litografía Al borde, de Mirima Cantera, e á obra de técnica mixta Sólo base, da profesora de debuxo e gravado arxentina marina Rothberg.
Estas tres creacións acompañan a máis dunha vintena nun percorrido polas amplas posibilidades das artes gráficas. Ó certame provincial presentáronse 194 persoas de 26 países diferentes, polo que pode proporcionar un achegamento ó que se fai neste eido en diversas partes do mundo.
Na inauguración de Neda estiveron presentes representantes da Deputación, do goberno local do municipio e tamén un dos dous accésits, premiados cun máster de obra gráfica na Fundación CIEC de Betanzos. O gañador, pola súa banda, obtivo un premio en metálico de 6.500 euros e a oportunidade de expoñer no centro da Estampa de Betanzos, que dirixe o propio Jesús Núñez.
A Deputación, que cubre cos seus galardóns practicamente tódalas manifestacións artísticas, puxo a andar o certame internacional de artes gráficas para fomentar o seu desenvolvemento e tamén para recoñecer o traballo da Fundación CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea), ubicado en Betanzos.
Esta mesma institución colabora co Concello de Ferrol no premio de gravado Máximo Ramos, outra das grandes referencias en Galicia neste eido.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |