Furelos
No labor da recuperación e defensa dos ríos como espazos públicos están en primeira liña as asociacións de troiteiros. Velaí a importancia de lograrmos retirar os aramios de espiño que impiden que a cidadanía poida gozar do seu, do de todos.
É preciso subliñar o papel da Asociación de Troiteiros “ Río Furelos” que logrou, após dun incansábel traballo de cinco anos retirando do leito do río plásticos, lavadoras, neveiras, televisións e até un coche... e o labor educativo coas visitas aos colexios da Terra de Melide, o apoio e recoñecemento da cidadanía melidán e, hai uns días, da Fundación Rodríguez de la Fuente.
Somos moitos os afeccionados que sabemos que nos Pasos de Petos ou na Ponte Mazaira; na Ponte da Pedra ou na Pasarela de Guillar hoxe en día é máis probábel tirar unha troita que hai anos...
Porén, son máis os cidadáns que procuran nas pólas dos amieiros os esquíos e gozan do rechouchío dos paxaros nas súas ribeiras...porque “crearmos esa arañeira de conciencia ecolóxica que imperceptibelmente se vai estendendo na procura da defensa irrenunciábel dos nosos ríos e, por extensión, do noso Medio” está sendo eficaz.















