Foise Marcelino. Por enriba dos avatares da vida era o amigo, compañeiro, camarada. Finou un dos dirixentes sindicais máis importantes do século XX. Vaise co recoñecemento unánime da sociedade española pola súa contribución no rexurdir do movemento obreiro, polo seu compromiso na procura das libertades democráticas e nacionais. E aínda máis, pola súa coherencia e militancia honesta.
Estos días prácticamente tódolos medios de comunicación sinalaban esas características persoais, apuntando que a súa contribución foi clave na Transición.
Nalgúns casos, creo que conscientemente, olvidan que a vida de Marcelino e a súa loita veñen recorrendo dende os últimos anos da República ata conquerir a Democracia en España. E que pasou pola cadea, os campos de concentración (extendidos por toda España, como poñían de manifesto os amigos de Cedeira estes días), o exilio e de novo a cadea. Porque en paralelo coa vida de Marcelino, o movemento obreiro estivo sempre presente na pelexa contra a ditadura, nas cárceres e fóra delas.
Non hai máis que ver que en plena represión ditatorial, no ano 1946 se desenvolvía a folga do aceite na Bazán de Ferrol, por poñer un exemplo.
Convén ter isto presente, porque para os manipuladores da historia, o tránsito á Democracia en España non foi o resultado da loita do noso pobo, senón outorgada polo ditador e os seus adláteres.
Pola outra banda, a Camacho hai que vinculalo ó conxunto dos/das militantes obreiros/as, miles de traballadores/as organizados/as e movilizados/as durante moitos anos ó longo e ancho de España, para reclamar os seus dereitos e libertades. Marcelino non era só unha personalidade illada, era o dirixente de masas que contribuíu ao debilitamento da ditadura de Franco e a súa derrota.
E temos moi presente que algúns dos que hoxe lle outorgan o seu recoñecemento, tra-la súa morte, non antes, son os mesmos que onte demonizaban a súa obra, ós sindicatos que convocaban a folga xeral.
Marcelino era un militante con profunda conciencia de pertencer o mundo do traballo, á clase obreira. Coñecino cando formábamos parte da Coordinadora estatal das Comisións Obreiras, entre as décadas 60 e 70, logo na dirección do PCE. E tiven ocasión de compartir con el un tempo no cárcere de Carabanchel, cando esperaba ser xuzgado no proceso 1001. Era persoa que seguía paso a paso os acontecementos da sociedade española, a través da prensa, no pouco que se recollía. Moi a miúdo, nos reuníamos para facer valoracións a partir da súa análise e de outras informacións recibidas.
Vivín un acontecemento especial cando, suspendido o xuízo do 1001, foi retornado cos seus compañeiros de proceso a Carabanchel pola voladura de Carrero Blanco. Unha situación de gran tensión e perigo, no que se entrevistou co director do cárcere, esixindo garantías para tódolos encadeados. Non esquezín esa data, o que máis e o que menos mantivemos algo máis que unha grande preocupación.
Marcelino Camacho queda entre nós como unha referencia para seguir o camiño de loita nun presente crítico, sometidos a presión depredadora dos intereses financeiros, non só para o movemento obreiro, senón para toda a sociedade. E utilizaremos o seu slogan de “non nos domaron, non nos dobraron, nin vannos domesticar”.
Por sempre entre nós.

















