En 1985 –é dicir, hai xa máis de vinte anos– recollín en varias parroquias do concello de Cedeira algúns topónimos relativos a lugares habitados. Recordo que en Esteiro, entre outras persoas, me serviu de informante o carteiro —loxicamente, bo coñecedor da materia—, quen me insistiu en que un lugar que algúns teimaban en chamar Fontefría era en realidade Fontafría, pois así o
pronunciaban as persoas máis vellas da aldea, observación que, en efecto, puiden comprobar despois entrevistando a outros veciños; é máis: o que realmente pronunciaban era Fontá Fría, cunha clara acentuación no –a e, xa que logo, en dúas palabras. A cuestión non era en realidade banal para o investigador, posto que no primeiro caso habería que partir, para a etimoloxía, da palabra fonte (< latín fontem), mentres que no segundo, de fontá (< latín fontana), que, se ben con idéntico significado e derivado do primeiro, constitúe sen dúbida un vocábulo diferente. Así pois, os datos recollidos naquela ocasión non ofrecían dúbidas: o topónimo en cuestión consistía no sintagma fontá fría –en latín fontana frigida, aínda que o topónimo non parece que teña orixe directamente latina–, convertido modernamente nun Fontefría por pura etimoloxía popular, debida ó carácter vivo da palabra fonte na lingua actual, fronte ó arcaico e practicamente perdido de fontá.
Curiosamente, estes días estiven a manexar a novísima Toponimia de Galicia, que, aínda que incompleta, ven de ser colgada en Internet pola Xunta (véxase en http//toponimia.xunta.es/), un extraordinario e completísimo traballo mírese por onde se mire, e no cal observo que o devandito topónimo aparece exclusivamente baixo a forma –hai que entender que deturpada, aínda que existente– Fontefría e á que ademais, penso que, en contra do uso xeneralizado, se lle engadiu un artigo espurio; é dicir, xa non se trata do orixinario Fontá Fría ou Fontafría nin do tamén utilizado, sobre todo polas novas xeracións, Fontefría, senón dun inexistente A Fontefría. Esta última denominación por certo supón unha innovación respecto do Nomenclátor da propia Xunta, onde, como era de esperar, aparece tamén sen artigo, que é por certo como o citan outros autores como, por exemplo, Carré Aldao na súa Geografía general del reino de Galicia, xunto con A. Moralejo Lasso no seu estupendo traballo sobre os derivados de fons, fontis na toponimia galega. Por outro lado, o recente Diccionario Xeográfico Ilustrado de Galicia, dirixido por J. del Río Barja, recolle tamén este topónimo como Fontefría, isto é, na que amosa ser xa a forma oficial, evidentemente –unha vez máis– a menos adecuada.
Non vou, naturalmente, resumir aquí o estudio de Moralejo; pero si debo sinalar a existencia de toda unha familia de palabras, derivadas en último termo do substantivo latino fons ‘fonte’, na toponimia galega, onde –como non podería ser doutro xeito– abundan os lugares co nome de Fonte e derivados. Un deses derivados é, como xa queda dito, a forma latina fontana xunto ó masculino fontanus, un adxectivo que se substantivou, dando como resultado na nosa toponimia Fontá e Fontán ou Fontao, respectivamente, que aluden, loxicamente, á existencia, nos respectivos lugares, dunha fonte ou manancial e, no caso do masculino, pode tamén que dunha corrente de auga ou regato.
Aínda sobre fontana e fontanus se formaron os diminutivos fontanella e fontanellus, que deixaron a súa pegada na nosa toponimia baixo as formas Fontela, Fontenla e o masculino Fontenlo, isto é, ‘pequena fonte’ ou, no caso do masculino, ‘pequeno regueiro’. Este mesmo significado corresponde, loxicamente, ós tamén diminutivos fontanina e fontaninus, de onde proceden os así mesmo topónimos Fontaíña e o –menos frecuente– Fontaíño. Non necesito engadir, por suposto, que todos estes topónimos deron lugar a apelidos que practicamente só no caso de Fonte conservan a preposición indicadora de procedencia; isto é, Dafonte fronte a Fontán, Fontao ou Fontela, por exemplo.
Claro que a todas estas posibilidades hai que engadir aqueles topónimos en que os vocábulos fonte, fontá, fontán, etc. aparecen acompañados dun adxectivo, o cal indica unha característica da fonte –así Fontecova ou Fonticova ‘fonte en forma de cova’– ou da auga que dela mana, como é o caso que nos ocupa. En Fontá Fría, Fontafría ou Fontefría estase a aludir, polo demais, a unha propiedade sen dúbida positiva, pois ¿que camiñante sedento non se achega a unha fonte, ante todo, para apagar a súa sede, refrescar a gorxa e aliviar a calor que lle sufoca? Naturalmente, o adxectivo non sempre é positivo, como acontece, por exemplo, no caso de Fontecativa, Fonteagra ‘fonte agre’ ou Fonteseca (Fonseca), isto é, que non dá auga, que xa é o colmo.
(*) Á. Porto Dapena é catedrático da UDC e académico correspondente da RAE

















