Opinión
Domingo 14
de Marzo de 2010
FONSE E A FONSA
ÁLVARO PORTO DAPENA (*) No concello de Cedeira, concretamente na parroquia de S. Román de Montoxo, existen dous lugares denominados, respectivamente, Fonse e A Fonsa, que penso se achan relacionados etimoloxicamente, posto que, ó meu ver, os dous teñen que ver co nome propio de persoa, de orixe xermánica, Alfonso, e veñen, polo tanto, a significar en ámbolos dous casos ‘propiedade de Alfonso’ ou, simplemente, ‘de Fonso’. En realidade Fonso non é propiamente unha abreviación -como interpretariamos hoxe- de Alfonso, senón un nome distinto, aínda que procedente da mesma raíz funs, que significaría ‘pronto ou dócil’ e á que se engadiría al- ‘todo’ no caso de Alfonso.
Dende logo o topónimo Fonse, que noutros casos aparece baixo a forma Fonxe -ó lado de Alfonxe-, isto é, con palatalización do s, probablemente por influxo do e final, de carácter palatal, e que atopamos, por exemplo, en Arzúa e tamén en Portugal (concretamente, en Lourinhã, preto de Lisboa), non ofrece o máis mínimo problema, pois trátase claramente do resultado da forma latinizada Fonsi en xenitivo, forma que, como acontece en tantísimos casos, constitúe a abreviación dunha denominación máis ampla na que foi eliminado o substantivo xenérico uilla, fundum ou outro equivalente (compárese, por exemplo, con Vilarfonxe < Uilla Alfonsi ou Uillare Fonsi, que achamos en Monterroso, Lugo). Agora ben, este feito fainos pensar que nos atopamos diante dun topónimo relativamente antigo, formado cando aínda se utilizaba o latín ou protorromance, e, polo tanto, non pode ser posterior ó século VIII ou IX.
Máis problemático, pola contra, resulta A Fonsa, cuxa estrutura, constituída por un artigo e un nome, parece falarnos a prol da consideración deste último como un nome apelativo ou común e, polo tanto, difícil de relacionar -contra o que afirmaba ó principio- con ningún antropónimo. É curioso, non obstante, que nos mapas do Servicio Geográfico del Ejército o topónimo en cuestión, lonxe de aparecer castelanizado -como sería de esperar- por un La Fonsa ou, sen artigo, Fonsa, rexístrase en realidade baixo a forma Alfonsa, cuxa utilización real entre a xente non me disona de todo, aínda que ata o momento en que escribo estas liñas non me foi posible comprobar en qué medida.
Agora ben, isto lévame a supoñer que o artigo da forma oficializada A Fonsa non vén ser outra cousa que unha deglutinación de Afonsa, é dicir, o resultado do fenómeno consistente en separar como artigo -artigo, evidentemente, falso- o A- ou O- iniciais dun nome de lugar, como aconteceu probablemente con Obeco, convertido en O Beco (castelanizado en El Beco) ou Agrela, que se converteu en A Grela ou, para os finolis coruñeses, La Grela. E, por outro lado, aínda que Afonsa podería ser moi ben evolución de Alfonsa por perda do l no grupo xermánico lf (compárese co dobrete ulfe / ufe procedente de wulfs ‘lobo’ tamén na toponimia), pode ser perfectamente unha forma máis antiga e xenuína e, polo tanto, o moderno Alfonsa, que atopamos na cartografía do Exército, non viría a responder máis que a unha pura analoxía co nome, tamén moderno, Alfonso.
Sexa iso como for, o topónimo A Fonsa ou, mellor, Afonsa presenta aínda outro problema, e este non é outro que o da súa terminación en -a, que nos leva a pesar nun feminino de Afonso ou Alfonso e, polo tanto, nun nome de muller, situación por certo bastante anómala nos topónimos medievais provenientes de nomes de persoa. A este propósito debo notar, non obstante, que non se trata -contra as aparencias- de ningún nome feminino, senón masculino: recordemos, para empezar, a grande cantidade de nomes masculinos, na onomática xermánica, que rematan en -a, como Fruela, Alaguntia, Alatrudia, Suintila, Fafila, Froigundia, etc., e, curiosamente, os frecuentes nomes de varón en -ila, como Gudila, correspóndense cos de muller en -ilo, como Gudilo. Por outro lado, para o caso que nos ocupa debo recordar que, por exemplo, no ano 589 consta documentalmente que asistiu ó Concilio de Toledo un cabaleiro chamado Fonsa, forma antroponímica que por esas datas alternaría, loxicamente, con Fonso, do que por certo derivan os topónimos Fonsín e Fonsán. A forma Afonsa, non obstante, parece falarnos, como topónimo, a prol dunha menor antigüidade que a de Fonse, posto que, ó non proceder como este do xenitivo, non hai máis remedio que pensar na abreviación dunha denominación anterior do tipo Vila de Afonsa, Casal de Afonsa ou algo semellante, é dicir, dunha denominación xa totalmente romance.
Para rematar, observarei que non tería sentido relacionar o noso Fonsa co tamén existente Fonsá (en Frades, A Coruña), xa que neste caso nos atopamos diante do resultado do latín Fons sana, é dicir, ‘fonte sa ou curativa’. Para que logo digan que un acento non ten importancia.
(*) Á. Porto Dapena é catedrático da UDC e académico correspondente da RAE
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |