Opinión
Miércoles 14
de Mayo de 2008
MAIO 68
MIUDIÑO VICENTE ARAGUAS
O maio francés aquel, que si que caera no mes de María, o noso, o compostelán, xa estaba rematado a fins de abril, cadrando co recital dos que Voces Ceibes, estivo moi concorrido. Tanto como a corrida de Talavera de la Reina cando Bailaor levou por diante a Joselito. De ter estado na praza cantos dicían que o fixeran aquilo tería sido tan grande como Maracaná. Mais en París si que houbera xente, claro, e abonda con ollar para fotos e documentais da época. Cousa lóxica se pensamos canto se xogaba alí, nunhas revoltas que eran, como a paisaxe de Amiel, un estado de ánimo, un concepto lúdico da existencia, un acabar coa sociedade regulementada ata a exasperación, herdada do 39-45. E iso nun país demócrata como Francia, que entre nós o choio era máis ruín aínda.
Aquí tratábase de acabar cunha dictadura cruel e, a maior abondamento, cotrosa. Ferroláns naquel París houbera poucos. O máis chamativo o Príncipe Galín, cachimán de García Calvo (sigue a selo), ocupante do Odeón, e ácrata de primeira fila de barricada. Logo estaban os cedeireses, Lubio e Roberto Peñamaría. Cantando Color café, si, pero tamén Comandante Che Guevara nos arredores do Bobino. Penso que estaba tamén, aquel verán trouxera discos e ideas frescas á casa na que alternabamos co seu irmán Antón, o Chema Seoane. De París viñera algunha lumi que choiaba no clube que había no túnel da Costa de Mella. Ou talvez no Norai, que xa pasaron ben de anos. E de ideas.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |