Opinión Domingo 14 de Marzo de 2010


DELIBES

VICENTE ARAGUAS

Falei con Delibes, hai moitos anos, no despacho do director de El Norte de Castilla, Altés Bustelo. Tarde de Venres Santo, e a procesión pasando pola rúa Montero Calvo onde estaba o xornal no que encetei a boroa xornalística, e do que Delibes fora director. Encontro brevísimo, abondo para que expresase a miña admiración de lector da súa obra diante dun home en verdade modesto (dos moi poucos desta condición que teña atopado no mundo literario). E é que en verdade o reino de Delibes non semellaba ser deste mundo. Como a súa prosa, dunha pureza castelá que me sigue abraiando. Delibes era estilista nato, pero tamén un forxador de historias impecable, como un solpor de agosto nos campos de Castela. Polos que vexo andar agora, amoreados na mente, os personaxes deste narrador “de raza”. Que embarcara en Ferrol, no “Canarias”, como mariñeiro voluntario cando a Guerra ía máis que comezada.

Desa experiencia hai unha boa novela delibesiana, “Madera de héroe”, onde mesmo aparece un buque-escola chamado El Ferrol. Sobranceira novela se non fose porque hai unha triada capitolina na producción de Delibes que quero salientar: “El camino”, “Cinco horas con Mario” e “El hereje”. Esta, a derradeira. Comprensiblemente porque dada a súa altísima calidade xa nada ía mellorala. E igual que Dublín balizou con placas o “Ulises” de Joyce, Valladolid fixo o propio con “El Hereje”. Que menos para libro tan grande do grandísimo fillo.

 

Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |