A Xunta solicita o proxecto das obras de saneamento en San Mateo
A Consellería de Medio Ambiente remitiu un escrito ao consistorio no que a presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, informa de que no mencionado departamento autonómico non consta ningún proxecto nin memoria valorada sobre as obras de saneamento pendientes de executar na parroquia de San Mateo. A administración autonómica insta ao Concello a remitir os documentos que, segundo onte mesmo aseguraba o alcalde, Xosé Manuel Blanco, se enviarán ao longo desta mañá.
As actas previas das obras da AC-566 levantaranse os días 4 e 5 de marzo
O Boletín Oficial do Estado publicou onte a resolución do Servizo de Infraestruturas da Coruña para anunciar a data na que se procederá a levantar as actas previas á ocupación -por trámite de urxencia- para a expropiación dos bens afectados polas obras de mellora de seguridade vial proxectadas na estrada de Cedeira (AC-566). O Concello de Narón é o lugar en que terá lugar o acto, os días 4 e 5 de marzo, de 9.30 a 14.30 horas. A relación de titulares afectados, así como os correspondentes planos parcelarios, permanecerán expostos tanto no Concello de Narón como no Servizo de Infraestruturas da Xunta na Coruña (praza Luis Seoane, s/n, 8ª pranta).
Asfedro e o Concello convocan un curso de mediadores xuvenís para previr o consumo de drogas
A Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro), en colaboración co Concello de Narón, convocou un curso de formación de mediadores xuvenís en prevención de consumo de drogas. Desde a organización consideran que un dos modos de evitar que os rapaces comecen a consumir determinadas substancias é precisamente formándoos a idades temperás, promovendo un achegamento entre iguais.