Ferrol
Martes
9 de Febrero de 2010
A ferrolá Mabel Rivera métese na pel de María Callas na peza Master Class
Xosé Rabón, María Torres, Mabel Rivera, Irisarri, Carbajales e Lino Braxe durante a rolda de prensa luis polo REDACCIÓN> FERROL
A actriz ferrolá Mabel Rivera achegouse onte ata Ferrol para presentar Master Class, un espectáculo a medio camiño entre a ópera e o teatro e no que a actriz se meterá na pel da carismática cantante de ópera, María Callas. A montaxe estrearase o vindeiro 15 de abril no Jofre. Neste escenario permanecerá dúas xornadas máis antes de iniciar unha completa xira por teatros do resto de Galicia e España.
O punto de partida de Master Class son as clases que a soprano impartiu durante os últimos anos da súa vida na afamada academia neiorquina Juilliard. O autor do texto, Terrence McNally, soubo unir de xeito maxistral a vida privada e artística da Callas creando un conflito de matices no que público, actores e cantantes vense implicados.
Mabel Rivera é a impulsora do proxecto que agora saca a escena Bengala Produccións. Nunca me sentín tan implicada desde a orixe cunha función, comentaba onte. Neste senso explicou, coñecía o texto desde hai dez anos pero que non foi ata o ano 2007 (a raíz de introducirse no mundo da música colaborando coa Orquestra Sinfónica de Galicia na obra O rescate de Penélope) cando se planteou sacala adiante. Púxenme a traballar na tradución e empecei a movela, levou tempo pero aquí estamos. Foi un proceso rarísimo porque foi á inversa, sinalou referíndose a que normalmente os actores teñen que esperar a que alguén lles propoña un proxecto e neste caso foi ó reves.
En relación ós aspectos máis artísticos da peza sinalou que a función é unha lección maxistral, o público vai estar presenciando o destripe o traballo real dun artista. Amosa a loita co creador e da persoa, da necesidade que ten o artista de apropiarse dos seus materiais de traballo antes de saír a escena. Trátase, segundo explicou, dun exercicio de complicidade co público.
Nesta mesma liña manifestouse tamén o director do espectáculo, Xosé M. Rabón, presente xunto cos actores Lino Braxe e María Torres no acto. Master Class’ fala da vida e da arte, de como é a loita interna dos artistas que normalmente non coñece o público. Aquí amósase o conflito entre a artista e a persoa, esto vexe reflexado nos alumnos ós que lle da clase sinalou. Sobre Mabel Rivera, Rabón comentou que foi a impulsora do proxecto e que é a María Callas perfecta. Os dous coincidiron á hora de asegurar que desde un principio pensaron en Ferrol, e concretamente no Jofre, para estrear este espectáculo.
Pola súa banda, o alcalde, Vicente Irisarri, calificou de regalazo para a cidade o espectáculo. A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, mostrouse tamén satisfeita de poder contar cunha montaxe desta calidade dentro da programación do Jofre.
O elenco artístico de Master Class complétase con actores da talla de Lino Braxe e María Torres. Dos papeis líricos encárganse Julia Cea e Enrique Martínez. Tamén participa Celso Parada.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |