Ferrol
Sábado
13 de Marzo de 2010
A Rede Local de Innovación Empresarial avanza un novo paso
Imaxe do encontro no que participaron representantes empresariais, sindicais e investigadores j. meis redacción > ferrol
A posta en marcha da Rede Local de Innovación Empresarial impulsada polo goberno local avanzou onte coa constitución das mesas de traballo. O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Ramón Veloso, presidiu onte no Centro de Emprego municipal o encontro no que se crearon as citadas mesas, e que reuniu a representantes do sector empresarial, investigador e sindical.
O obxectivo desta rede de cooperación de ámbito local é artellar a relación entre as administracións, os centros de innovación, a universidade e as asociacións empresariais, para así identificar os intereses comúns e favorecer a coordinación entre todos eles. Como mostra, na xuntanza de onte estiveron responsables da Asociación de Empresarios de Ferrolterra, a Confederación de Empresarios de Ferrol, a Fundación Ferrol Metrópoli ou a Cámara de Comercio de Ferrol, por parte do sector empresarial. Tamén contou con representación dos sindicatos CCOO, UXT e CIG, da Asociación Impulsora do Plan Ferrol e de centros investigadores coma o Centro Galego do Plástico, a Fundación para o Fomento da Calidade industrial ou a Universidade da Coruña.
Metas > Veloso avanzou que, entre outros fins, a Rede Innova Ferrol buscará fomentar a cooperación local, difundir a cultura da innovación e facilitar o acceso ás tecnoloxías da información e a comunicación. Con respecto a este último aspecto, incidirase en apoiar ás pequenas e medianas empresas para que se incorporen á sociedade da información. Dar asesoramento e prestar soporte para a posta no mercado de novos produtos e servizos ou para atraer investimento son outros dos obxectivos que persegue esta iniciativa.
No acto de onte tamén se presentou a páxina web coa que contará a rede, que servirá de plataforma virtual e á que se pode acceder a través da páxina do Concello. Veloso destacou que a rede se plantexa como unha medida para revitalizar o tecido produtivo do municipio e xerar postos de traballo, facendo máis competitivas ás empresas locais, e lembrou que a creación de emprego é unha prioriadde para o goberno local.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |