Ferrol Martes 8 de Julio de 2008


A Xunta destina 40.000 euros para accións de cooperación da UDC

REDACCIÓN > FERROL

A Xunta de Galicia achegará un total de 40.000 euros a darlle cobertura ás actividades de sensibilización e formación en materia de cooperación exterior que a Universidade da Coruña desenvolverá entre a comunidade universitaria. Esta liña de financiamento artículase ao abeiro dun convenio de colaboración suscrito entre a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e a institución académica herculina.

Con este acordo búscase, entre outras cousas, concienciar á comunidade universitaria sobre a realidade dos países do Sur e a importancia da cooperación para construir un mundo máis xusto. O convenio enmárcase no cumprimento dun dos principais obxectivos do vixente Plan Director da Cooperación para o Desenvolvemento que pretende, a través do fomento da oferta formativa na materia, unha cooperación galega de maior calidade.

Así, a Universidade da Coruña ten previsto organizar tres grandes actividades de sensibilización que serán canalizadas pola Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV).

Actividades > En primeiro lugar, haberá un ciclo de conferencias sobre cooperación ao desenvolvemento en colaboración coa ONG Enxeñería Sen Fronteiras. A segunda das iniciativas consiste na realización de catro Proxectos de Coñecemento da Realidade (PRC), en virtude dos cales os alumnos terán a posibilidade de trasladarse a países en vías de desenvolvemento para formar profesionais sobre o terreo naquelas materias que se inclúan na súa área de estudo.

A últimas das accións previstas terá que ver coa creación do Fondo 0,7% da UDC, mediante o cal se realizarán unha convocatoria de axudas a proxectos de investigación no ámbito da cooperación ao desenvolvemento. O fondo contará con máis de 85.000 euros e ademais de incidir nos colectivos desfavorecidos do Sur, tamén contempla o estudos dos grupos excluidos nas sociedades do Norte.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |