Opinión
Domingo 16
de Noviembre de 2008
ROLDÁN
VICENTE ARAGUAS Saía Roldán en Tele 5 con expresión de becho medoñento, de bechoco tímido, mais con maneiras do caralavada que non pode senón fuxir cara adiante. Envellece mal este Roldán, mascarón de proa dunha caterva de falcatrúas que botaran man das arcas do estado porque moitos xa o fixeran antes, e outros van facelo despois. Como cando Max Estrella di ao Ministro que por fin vai saber a que cheiran os fondos dos reptís. Roldán, da escola de Juan Guerra, aquel menda que dicía que por que uns poden ser ricos e outros non (e el quería estar tamén entre os primeiros). Como Roldán, un simple cronometrador do traballo alleo, que dicía ser enxeñeiro e economista. Atal este Roldán que entrara, para medrar, nun PSOE orfo de cadros. E tanto medrara que a piques estivo de ser Ministro do Interior. E no interín había pimpíns que andabamos a votar a estes preas, iso si levando a man ao narís, non fora ser o demo. Volve saír Roldán do túnel do tempo, as meixelas verquéndoselle polo colo da camisa, o rostro barbeado en paralelo coa calva de sempre, a que xa tiña cando aquelas fotos, que recriaba Tele 5, da orxía nun adosado de Las Rozas. Roldán en gaiumbos portando un extraño artefacto e unha señorita coas tetas ao aire e bragas de colo alto. Roldán de novo na tele, madrugada do venres, e eu din en pensar que que tempo tan feliz que nunca esquecerei. Pero só porque tiña dazaoito anos menos. Os que ven de retornarme Roldán. Quen así devolve algo, demontre.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |