Opinión Domingo 16 de Noviembre de 2008


AS CONTAS DA IGREXA

ANTÓN M. ANEIROS

Aigrexa española anda estes días a solicitar dos católicos que lle fagan aportacións económicas. Pero o concepto que a sociedade veu formando da Igrexa desde hai uns anos non é a mellor carta de presentación para pedir. Polo menos, segundo as enquisas, ela resulta ser unha das institucións menos valoradas socialmente. Esta, guste ou non, é a realidade.

Tamén, á hora de pedir diñeiro, sería necesario distinguir os fieis da Igrexa dos que o van deixando de ser, porque o réxime de cristiandade -todos membros da Igrexa- rematou, aínda que os bispos non o acepten. Agora na Igrexa van estando só os que libremente queren estar, e son estes os que deben contribuír en conciencia ao sostemento da mesma. Porque a Igrexa débese autofinanciar, sen dependencias do Estado nin de outras distintas da comunidade de crentes. Pero aínda hai algo máis. Cando a Igrexa, como calquera outra organización, pide diñeiro, é imprescindible concretar as necesidades e os proxectos, ben definidos, para os que este vai ir destinado. Esíxeo unha xestión honesta e responsable por parte dos que administran. Mais, en canto á transparencia, actualmente na Igrexa só se salva Cáritas e certos grupos de relixiosos que traballan con entrega exemplar no terceiro mundo.

Polo demais, na chamada sociedade occidental, o aburguesamento do clero é algo que lles impide cumprir as funcións que os ministerios e servizos de atención ás comunidades necesitan nos tempos actuais. Mentres, as propiedades e bens da Igrexa permanecen escandalosamente improdutivos e mal administrados, no medio de tanta xente necesitada. Isto pódese comprobar ollando na maioría das parroquias o estado no que se encontran as propiedades da Igrexa.

 

Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |