Opinión
Domingo 16
de Noviembre de 2008
ALGO MÁIS QUE UNHA FOTO?
GERMÁN CASTRO Un tamén é dos euroescépticos en canto ao resultado do cumio de Washington que vén de celebrarse esta fin de semana, con independencia das conclusións que a esta hora xa se coñecerán. Un dubida que servira para algo máis que para facerse a foto os mandatarios asistentes. Con independencia da perrencha de Zapatero implorando a súa presenza, cuestión da que xa me ocupei en ton crítico e non me retracto, o foro, unha vez creado, debera ser unha canle para dar solucións non sen antes espir as vergoñas e intimidades dun sistema que fixo augas e levounos a todos á gran crise que pende como unha espada de Damocles, con resultado a estas alturas de moitos postos de traballo xa perdidos. Os donos do mundo non van querer perder prebendas e, ademais, agardan a que lles quiten as castañas do lume porque andan apurados. Pero se os que tiran da teta do consumo, os créditos e as hipotecas vanse ás listas do desemprego, se as pequenas e medianas empresas caen como as fichas de dominó e se os emprendedores teñen a billa pechada para materializar os seus proxectos, imos ver como cadran as contas. Ademais, xa o anfitrión deste cumio, ao que se lle colocou a etiqueta de ser o presidente máis nefasto da historia de EEUU, título gañado a pulso, expresara os seus receos acerca das tímidas intencións advertidas desde o grupo da UE de introducir reformas. Por tanto, o actual encontro tería sido útil para que os dirixentes do mundo mundial fagan as súas declaracións de intencións con gran megafonía e traten de agradar en todo caso ás súas respectivas fegresías. O demais moito me temo que será predicar no deserto. Tamén o manifestou o cerebro económico, Pedro Solbes, (ao que dificilmente se lle perdoará o feito de negar a crise, que dixo aquilo xa sonado de que uno no se toma un café con churros por la mañana y por la tarde refunda el capitalismo.
Agora ben, quen saíu gañando con esta iniciativa é un home, rara avis pola súa destreza xestual, pola súa simpatía natural e porque entende a política como a arte do posible, dito sexa por riba de contidos ideolóxicos que poideran marcar diferencias. Refírome a Sarkozy, que deu todo o que tiña (dúas prazas) para que poideran asistir España e Holanda. E convenceu a Bush. Chapeau.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |