Opinión Domingo 16 de Noviembre de 2008


DIVORCIO PREMATURO

XOÁN RUBIA

Non sei o que está a acontecer no Ferrol dende as primeiras andainas democráticas. É como se tivese un mal de ollo que bota por terra calquera iniciativa política encamiñada a ir na procura dunha maior vertebración de intereses que permita avanzar cara a un rexurdimento que non remata de chegar malia os intentos das diferentes formacións que configuraron goberno nesta xa prolongada etapa democrática. Un mal fado anda a deteriorar razóns e entendementos entre os socios que rexen os designios municipais ata o punto de provocar divorcios que poderiamos cualificar de improvisados e prematuros. Pero isto, a pesares de resultar certamente traumático e ás veces lamentable, pasa nas mellores familias.

Penso que Ferrol perdeu, co divorcio temperán do PSOE e EU, unha grande oportunidade para afiuzar un goberno de progreso desa esquerda que moitos consideramos emerxente logo das últimas eleccións municipais, sobre todo desa formación outrora moi activa que foi EU, que nin de lonxe chegou a pensar que ía acadar desta volta catro representantes no pleno municipal. Foi aquel un éxito que, polo inesperado, causou mais ilusión nos que creron que nunha maioría de esquerdas estaba a solución aos males que moran cal parásitos eternos na nosa cidade. Vana ilusión. Cando todo semellaba ir en harmonía, pintaron bastos.

Recordo unha entrevista que fai tempo lle fixeran ao entón secretario xeral de CC.OO., Marcelino Camacho. Nela dicía, referíndose aos sindicatos, que o problema era a configuración monolítica da patronal fronte a uns sindicatos fragmentados en múltiples direccións e intereses, e así a forza da unión sobreponse case sempre diante da febleza que provoca a división. Pois ben, a suposta unión da esquerda política no Ferrol vai polos mesmos rueiros, coa conseguinte ledicia da oposición que observa satisfeita a liorta entre os socios de goberno, un goberno que resultou ineficaz, non polas carencias intelectuais dos seus compoñentes, non, que diso seguro que andan sobrados, senón pola sucesión reiterada de desencontros (algúns inexplicables en xente politicamente intelixente) que os levaron a un divorcio prematuro, a unha ruptura inesperada que encheu de desilusión a un grande número de cidadáns que tiñan depositadas grandes esperanzas nesta coalición de esquerdas. Mágoa que os esforzos dos socios non fosen na mesma dirección, mágoa de que cando un remaba o outro ciara, en fin, mágoa que a desafección chegase ata este punto de inflexión.

E un non acaba de entender as causas fundamentais desta ruptura coa cantidade de cousas e causas que quedan por resolver nesta cidade que no seu cento cincuenta aniversario anda de patas arriba e tan necesitada de atopar degoiros que vaian na mesma traxectoria. Porque practicamente está todo por facer, o herdado e mais os novos proxectos, cousas que dan unha visión máis ben pobre da cidade, dunha cidade que, dadas as actuais circunstancias e aínda que resulte un paradoxo, aspira a ser nomeada Patrimonio da Humanidade. Evidentemente deste xeito imos por mal camiño.

Visto o visto, un grupo de cidadáns agrupouse e publicou un manifesto firmado por xente vinculada a diversos sectores sociais da cidade para pedir un “Goberno de Progreso para Ferrol” co gallo de animar á esquerda a que de unha vez por todas se poña de acordo e reme xunta no mesmo sentido. Todas as forzas de esquerda.

Non sei se isto vai dar o resultado desexado. É preciso que os responsables políticos se manifesten, e é necesario que se refunde o consenso, premisa fundamental para chegar a acordos. As forzas políticas de progreso deben, teñen que estar a altura das circunstancias. Non facelo así supoñería dilapidar unha parte moi importante do seu capital político e iso, meus amigos e amigas, quedaría inexorablemente reflectido nas próximas eleccións. Polo tanto ollo ao dato: nos tempos críticos non resulta nada doado andar estragando ningún capital. Máis que nada por prevención, polo que poda vir.

 

Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |