Opinión
Domingo 16
de Noviembre de 2008
AGROCHAO E AGROCHAIL
ÁLVARO PORTO DAPENA (*) Dende a mesa do estudio no meu novo piso de Cedeira vexo varios lugares das parroquias de Piñeiro e de Esteiro. Entre eles, un pequeno barrio chamado Agrochaíl, que se atopa na vertente occidental de Montemeao, moi preto das Cordobelas e por enriba da Marabilla, á entrada de Cedeira pola estrada que vén de Ferrol. Como tódolos lugares que se atopan nesta zona, Agrochaíl é un miradoiro excepcional, dende onde se pode contemplar a ría en todo o seu esplendor, coa praia da Madalena e a vila cedeiresa ós seus pés, máis alá o porto pesqueiro sementado de pequenas e medianas embarcacións -fronte ó faro da Robaleira e por debaixo do castelo da Concepción-, e, ó fondo, o monte Burneira ou de Pantín, feminil protuberancia que se prolonga en Punta Chirlateira; unha paisaxe, en fin, fascinante que, no discorrer das horas e segundo a situación meteorolóxica do día, se vai modificando nunha prodixiosa metamorfose de luz e cor. Ás veces, dende o meu estudio -onde por certo estou a escribir agora este artigo-, voo coa miña imaxinación ata Agrochaíl ou As Cordobelas e contemplo dende alí a paisaxe que acabo de describir, e sinto unha irresistible -aínda que sa- envexa polos que teñen o privilexio de viviren naquelas paraxes.
Hai máis de vinte anos que me ocupei do topónimo Agrochaíl, para o que propoñía como etimoloxía o latín agru Planilli, entendendo que esta última palabra era o xenitivo dun -dende logo hipotético-*Planillus, nome de persoa que viría a ser á súa vez un derivado do tamén antropónimo latino Planius. Trataríase, pois, segundo a miña hipótese da denominación dunha propiedade constituída por un nome xenérico agru ‘terreo de cultivo cercado e dun só dono’ seguido polo do seu propietario; isto é, sería unha formación paralela á de Vilacacín (< villa Cacini) ou Vilarcai (< villa Arcadii), por exemplo. A razón de semellante interpretación non era outra que buscarlle unha explicación axeitada á terminación -il, fronte ó topónimo, frecuente en Galicia -e presente tamén no concello de Cedeira-, Agrochao, cuxa etimoloxía é sen dúbida o latín agru planu, é dicir, ‘agro ou terreo chairo’, constituído por un substantivo e un adxectivo.
Hai varios meses, no breve coloquio que seguiu a unha intervención miña sobre a toponimia da Capelada nun curso de verán da Universidade da Coruña celebrado en Cedeira, alguén me formulou a qué se debería a relativa frecuencia en terras cedeiresas de topónimos rematados en -il, como Eixil, Nebril, Agrochaíl, Gumil. Daba por suposto a persoa que me fixo a pregunta que esta terminación debía de ser un sufixo, propio da toponimia cedeiresa, ó que, polo tanto, habería que atribuír un significado concreto. Evidentemente, non é así, xa que en cada un deses topónimos semellante terminación posúe unha orixe diferente, aínda que hai que recoñecer que, agás en Gumil, onde en realidade se trata da raíz xermánica -mir ou -mil co significado de ‘famoso’, vén ser un elemento relativamente perturbador dende o punto de vista etimolóxico: éo, efectivamente, en Eixil e Nebril se aceptamos como étimos destes nomes os antropónimos, en xenitivo, Aegidii e Nebridii, respectivamente, cuxos resultados -máis esperables- deberían ter sido *Exixe, que non existe, e Nebrixe, que atopamos por certo no concello de Cambre. Por iso penso que, como xa teño dito dende esta páxina, o punto de partida para Nebril debeu de ser un *Nebilii por Nebridii, e no caso de Eixil cecais haxa que pensar máis ben nun antropónimo xermánico, Anagildi: non debemos esquecer por certo que o nome persoal español Gil -acabado tamén en -il- non provén directamente do latino Aegidius, senón a través do resultado francés Gilles.
Agora ben, volvendo ó caso de Agrochaíl e despois de darlle voltas e máis voltas á posibilidade -apuntada polo meu interpelador- da existencia dun verdadeiro sufixo -il, creo que este, de existir na toponimia cedeiresa, se daría por certo exclusivamente neste topónimo. Agora ben, para iso habería que modificar a miña primitiva hipótese etimolóxica e considerar que se trata dun derivado de agru planile, entendendo esta última palabra como unha modificación do adxectivo planu mediante o sufixo latino -ile, que indicaría neste caso semellanza ou, máis ben, aproximación á característica indicada polo adxectivo primitivo. É dicir, Agrochaíl viría a significar algo así como ‘agro semichairo ou que tira a chairo’. E a verdade é que miro a configuración do terreo alá onde se divisan as poucas casas que compoñen este lugar e observo que de chairo ten realmente pouco.
Desgraciadamente, carecemos dos necesarios testemuños históricos que nos permitan decidir sobre cál das dúas hipóteses baralladas é a correcta. Eu, dende logo, sígome decantando pola primeira.
(*) ÁLVARO PORTO DAPENA É CATEDRÁTICO DA UDC E ACADÉMICO CORRESPONDENTE DA RAE
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |