Opinión Domingo 30 de Noviembre de 2008


MONTEVIDEO

XOSÉ MARÍA DOBARRO (*)

Para os vellos e queridísimos amigos do benemérito Patronato da Cultura Galega.

Na columna da semana pasada falaba de que o sábado arribaría a Montevideo. Así foi. Viaxei nun buque estanco, que tamén transporta autos, e que vai rápido: 30 nós. A viaxe, pois, xa non dura as 10 horas que lle levaba ós vellos vapores hai uns anos, senón só tres. É preferible, a tódalas luces, pois, desprazarse deste xeito e non en avión, xa que, aínda que o voo dure 25 escasos minutos, entre os trámites de embarque -estranxeiro que cambia de país (arco de seguridade, pasaporte, recollida de equipaxe,aduana)- e traslado do aeroporto Carrasco, no departamento de Canelones, ata o centro da capital uruguaia -uns 20 quilómetros- se non se tardan as 3 horas do buque, pouco lle ha faltar. Ademais, a viaxe aérea costa ó redor do cuádruplo da por auga: 280 dólares fronte a 280 pesos. Por un euro dan 4 pesos e por un dólar algo menos.

Recibiume un Montevideo soleado e caloroso. Sol primaveral ó que, segundo din os residentes, é recomendable non exporse moito, porque queima, debido a que na zona a capa de ozono está bastante estragada. De feito, de ir simplemente polas rúas -inzadas de árbores, por certo- queimei un pouco os brazos e o pescozo. A lei do tabaco uruguaia é similar á Arxentina. Mesmo non deixan fumar nas terrazas das cafeterías se están cubertas, poñamos por caso as dos soportais da Coruña ou Santiago. Se non cuberta ou esta é de parasoles móbiles si se pode fumar. A ver se toman nota as nosas autoridades sanitarias e promulgan unha lei deste corte que substitúa a ineficaz actual. E dou fe de dúas cousas: de que a porcentaxe de fumadores en Montevideo é parella ou superior á que hai entre nós e de que os establecementos hostaleiros están tan ou máis cheos que os desta beira do Atlántico. E os cidadáns e as cidadás uruguaias cumpren estritamente a lei. E os propietarios de bares, cafeterías e restaurantes non teñen queixa ningunha. Se baixaron os clientes non foi pola normativa do tabaco, se non pola crise económica que tamén lle afecta, como non, á República Oriental do Uruguai. Había 10 anos que non visitaba Montevideo. A última vez fora no 1998. Aproveitei que tiven que ir a formar parte dun tribunal dunha tese á Universidade Estadual do Ceará, na cidade nordestina de Fortaleza, no Brasil para visitar a cidade e os amigos, entre eles Ernesto Vázquez, discípulo que foi e amigo que segue a ser, que daquela estaba de profesor-lector na Universidade da República. Desta volta notei que a clase media se defende un algo mellor que nesa altura. Mais tamén percibín que hai maior número de indixentes, de xente que carece de todo e que non ten nada que perder. E isto reflíctese no aumento da violencia de todo tipo. E violencia tan armada como descerebrada. Mátante á mínima. E a xente é precavida. Tan é así, que Pepe Mujica -pronunciado así, grave, fronte ó Mújica dos vascos de por acó-, o senador máis votado nas eleccións de hai catro anos, vello militante tupamaro, antes e despois da ditadura militar como segue a ser a día de hoxe, declaraba nunha roda de prensa que axente tiña que armarse, isto é, con pistolas, para repeler as continuas agresións que estaba na sufrir moitos cidadáns. Para min é discutible. Pero o que vin, por exemplo no Cerro, un dos barrios máis desfavorecidos da cidade, ó que na miña primeira estadía, de catro meses, en Montevideo, acudía con regularidade a conversar co escritor sonense Xerardo Díaz e a súa familia, foi que as casiñas modestas, case favelas, estaban protexidas por mil e unha rellas. E nas casas pouco máis haberá que cociña, baño e algunha cama. Mujica, que vive nunha chacra, isto é nunha modesta casa na periferia case rural, confesaba que moitas noites, cando escoitaba ladrar os cans ventando home, víase na obriga de disparar ó ar para espantalos. ¿Quen on terán que facer os residentes en barrios máis ricos como o de Carrasco? Nunha conversa con habitantes dese barrio, na festa do cumpreanos da neta maior do grande amigo Nelson Regueiro, escoitei que algún ía armado ata cando ía ó baño da súa vivenda. Xa fora obxecto de atraco en varias ocasións e non tiña ganas de máis “bromas” desas. O capitalismo neoliberal fracasado e o que moitos pretenden refundar ten estas cousas. Os ricos máis ricos e máis protexidos e os pobres máis pobre se, seguramente con razón, máis agresivos. Os quen on sendo ricos non malvivimos somo sos que pagamos todo tipo de agresións. As físicas dos desamparado se as económicas dos que nos falan de benestar. Enténdese que é o seu.

(*)Catedrático da Universidade

da Coruña

 

Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |