Galicia Domingo 16 de Noviembre
de 2008
Política Territorial establece as bases para a recuperación dos centros históricos
As principais cidades galegas posúen núcleos históricos de grande valor patrimonial e cultural REDACCIÓN > A CORUÑA
A directrices de ordenación do territorio prestan especial atención ao patrimonio cultural na súa configuración paisaxística e de valor acrecentado, segundo se recolle no documento que presenta a Consellería de Política Territorial que dirixe María José Caride.
Un dos maiores atractivos, xeneralizado ao longo do territorio galego, e que se manifesta mesmo en poboacións de moi escasa entidade, é o patrimonio cultural existente, destacable tanto pola súa abundancia como pola súa variedade. Esta dispoñibilidade xunto coa súa dispersión ao longo e ancho do territorio está na orixe de que moitos dos elementos patrimoniais quedaran esquecidos, carezan de protección ou permanezan á marxe de calquera función. Iso implica a inmobilización dun capital que, axeitadamente utilizado, contén un enorme valor.
A falta de uso actual supón un risco moi elevado para a súa conservación. A experiencia demostra que a perda de utilidade é o paso previo que conduce á desaparición. Sen unha función que desenvolver e un interese directo que permita financiar a súa conservación, resultará imposible o mantemento dun patrimonio tan amplo.
A propia existencia dun patrimonio tan abundante como o de Galicia, unida á súa dispersión xeográfica e á baixa densidade de poboación nalgunhas zonas do seu territorio fan que, a miúdo, sexa difícil mantelo en bo estado de conservación, ou xestionalo axeitadamente.
Os procesos espontáneos de rehabilitación non sempre se producen, xa que os recursos necesarios para iso son limitados. A soa conservación non é suficiente. O obxectivo debe ser crear as condicións para que a conservación deste patrimonio non sexa só o resultado de posibles iniciativas espontáneas, senón que se xustifique polas funcións e beneficios que xera a súa posta en valor.
Novas funcións > Atopar novas funcións para os centros históricos e para os valiosos elementos singulares do patrimonio cultural constitúe un reto prioritario.
Os centros históricos das cidades galegas constitúen espazos de enorme calidade e atractivo. Achegan unha gran singularidade aos centros urbanos e proporciónanlles algúns dos seus sinais de identidade máis característicos.
O aproveitamento destes elementos debe xurdir dunha nova actitude cara aos centros históricos que permita a súa posta en valor, deseñando accións que doten de vitalidade a estes espazos e os fagan atractivos como ámbitos de residencia e actividade. Só desta forma será posible xerar os recursos necesarios para a conservación dos centros históricos.
Os centros históricos deben desenvolver un papel activo como espazos que dotan á cidade dun valor engadido, formando parte do conxunto da vida cidadá e repercutindo favorablemente no desenvolvemento global da cidade. A vitalidade que as actividades universitarias outorgan ao centro de Santiago constitúe un bo exemplo neste sentido.
Iso esixe actuar dentro dos propios centros, rehabilitando vivendas, localizando equipamentos e servizos, deseñando espazos comerciais e terciarios e definindo unha estratexia de tráfico acorde coas súas características, á vez que se garante a mobilidade necesaria para manter a súa vitalidade.
Estas accións só son viables e efectivas dentro de estratexias máis amplas, que abrangan o espazo urbano no seu conxunto, e definindo un modelo de cidade coherente, no que moitas das necesidades dos centros históricos se deben resolver mediante accións noutras zonas da cidade.
Zonas rurais > A experiencia de Santiago na revitalización do seu centro histórico constitúe un enorme activo de Galicia que debe proporcionar pautas e referencias para outras cidades e espazos da comunidade.
Nas zonas rurais do interior de Galicia, as actividades turísticas configúranse como unha das opcións de futuro máis interesantes. Nestes ámbitos, o riquísimo patrimonio disperso de pazos, mosteiros, castelos e outros edificios singulares ofrece inmellorables oportunidades para consolidar unha oferta de acollida turística singular e de calidade. Con frecuencia poderán utilizarse certos edificios rehabilitados para usos lucrativos, co obxecto de poder financiar os custosos labores de restauración.
O proceso de recuperación e posta en valor do patrimonio monumental galego pasa así a formar parte das estratexias de desenvolvemento territorial. A restauración de elementos patrimoniais debe permitir tamén ofertar edificios de singular valor e atractivo para o desenvolvemento de actividades deseñar unha estratexia con maior potencial que as iniciativas illadas.
O potencial destas iniciativas refórzase ao considerar a existencia de complementariedades e oportunidades con outros elementos de atracción que existen no territorio, logrando que unha única oferta englobe diversos produtos, aumentando a súa eficacia na dinamización dos espazos fráxiles da comunidade: Rutas turísticas, núcleos de acceso ao territorio, aloxamentos singulares, segunda residencia en núcleos existentes, etc.
Os activos patrimoniais son un factor fundamental de atracción e un elemento de localización prioritario de servizos, residencia, aloxamento e actividades en xeral.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |