Ferrol Domingo 16 de Noviembre de 2008


Todos os comercios poderán abrir os días 6, 14, 21 e 28 de decembro

REDACCIÓN > FERROL

Ante as numerosas consultas que se están a recibir, a Cámara de Comercio de Ferrol informa que no que resta de ano todos os establecementos comerciais, independentemente da súa superficie ou da súa pertenza a grandes grupos de distribución, poderán abrir os días 6, 14, 21 e 28 de decembro. Polo que atinxe ao 2009, a Consellería de Innovación e Industria xa publicou no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se establecen os domingos e festivos nos que se autoriza a apertura.

A dita orde permite aos comercios abrir os domingos 4 e 11 de xaneiro; o día de Xoves Santo, 9 de abril; o 5 de xullo, primeiro domingo tras a apertura oficial das rebaixas de verán, e todos os domingos de decembro, días 6, 13, 20 e 27.

Con independencia do establecido, calquera concello pode solicitar á consellería a modificación de dúas datas para o seu termo municipal.

Esta solicitude debeu ser motivada e presentada antes de onte, 15 de novembro. A administración autonómica terá que resolver ao respecto no prazo de quince días e publicar, antes do 15 de decembro, os cambios que decida aprobar.

Segundo a normativa vixente -a Lei 13/2006, de 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia- os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, oito o ano, estando prohibida a apertura os días 1 de xaneiro, 17 de maio, 25 de xullo e 25 de decembro.

Horarios > En todo caso, a normativa galega contempla que terán liberdade horaria aqueles establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie útil para a exposición e venda ao público de até 150 metros cadrados, excluídos aqueles que pertenzan a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de peme.

Tamén teñen liberdade horaria, entre outros, os establecementos de venda de pastelaría e repostaría, pan, pratos preparados, prensa, combustíbeis e carburantes, flores e plantas, así como os instalados en zonas de grande afluencia turística, ou en museos, hoteis, etc.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |