Ferrol Domingo 16 de Noviembre de 2008


Os ferroláns farán con fotos unha felicitación masiva para a cidade no seu 150 aniversario

Imaxe da exposición do Carvalho Calero inaugurada o pasado xoves DANIEL ALEXANDRE

REDACCIÓN > FERROL

Ti fas Ferrol, unha das principais accións organizadas polo Concello para conmemorar o 150 aniversario da cidade de Ferrol, arranca mañá. Será unha acción que construirán os propios ferroláns e ferrolás, protagonistas indiscutibles deste proxecto. Así, o Concello abrirá mañá luns un estudo fotográfico no praza de Armas no que os veciños poderán retratarse.

Todas as fotografías servirán para crear unha imaxe de Ferrol, da que individualmente e para a posteridade, formarán parte eses homes e mulleres, nenos e maiores, que participen.

Xuntos, crearán, como o fan día a día, Ferrol. Así mesmo, a imaxe que resulte presentaráse como unha felicitación da propia cidadanía á súa terra neste 150 aniversario.

Nesta liña, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, facía este venres un chamamento á participación cidadá, xa que sen el a iniciativa carece de sentido.

Ao mesmo tempo, sinalaba que as previsións que manexa a institución local sitúan nunhas 4.000 as fotografías necesarias para crear esa multitudinaria felicitación, aínda que se confía en que os ferroláns e as ferrolás superen con creces esa cifra. Deste xeito, a imaxe que se configurará será unha fotografía aérea cedida pola Asociación de Comerciantes do Centro Aberto A Magdalena-ACOF, na que se pode ver practicamente toda a cidade, dende o centro, a Recimil, a zona rural, o Arsenal ou Canido.

O estudo fotográfico situarase nunha carpa na praza de Armas dende este luns, 17 de novembro, e permanecerá aberto ata o vindeiro sábado, incluido. As sesións iniciaranse todos os días ás 10 horas, para rematar o horario de mañá ás dúas. E, polas tardes, retomaránse de catro a oito.

Todos poden participar, aínda que no caso de nenos menores se requerirá unha autorización do pai, nai ou titor legal. Así mesmo, aqueles que se retraten recibirán un tícket que, xa en vindeiras datas, poderán canxear por un póster coa felicitación en grandes dimensións.

Segundo o alcalde, prevese unha tirada de 10.000 carteis que, ademais de repartirse entre os participantes directos, se distribuirán en negocios comerciais e hosteleiros, asociacións veciñais, centros de traballo e institucións.

Vicente Irisarri informaba tamén de que o Concello se puxera en contacto cos centros educativos de Ferrol, así como cos clubes deportivos con escolas base para animar aos seus alumnos e alumnas a participar deste proxecto.

Especialmente, tendo en conta que os nenos e nenas de hoxe serán os adultos e adultas do mañá que, tamén, construirán Ferrol. Así as cousas, o alcalde tamén quixo aproveitar a presentación da iniciativa para agradecer a colaboración dun importante número de entidades públicas e privadas que, en maior ou menor grao, apoian esta iniciativa. E, entre elas, citou Caixanova, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Gadis, Moblerone, Emafesa ou ACOF.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |