Comunicación
Domingo
30 de Noviembre de 2008
Galicia e Brasil renovan a súa colaboración para o cinema
REDACCIÓN > A CORUÑA
O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Axencia Nacional do Cinema de Brasil renovan e amplían o seu convenio de colaboración. A próxima convocatoria introduce o formato documental entre as producións que poden optar ao fondo de coprodución.
No marco do Encontro hispano-brasileiro de Cinematografía que vén de celebrarse en Brasil e Madrid, os representantes da Axencia Nacional do Cinema de Brasil (Ancine) e do Consorcio Audiovisual de Galicia mantiveron diversas reunións nas que acordaron introducir unha serie de modificacións na convocatoria do Fondo de Coprodución do 2009.
A inclusión expresa dun proxecto documental, dotado dun orzamento propio, surxe despois de analizar o elevado número de inscricións correspondentes a este xénero que se deron nesta edición. Así, se manterá o apoio ás dúas longametraxes de ficción ou animación, unha maioritaria brasileira e outra galega, coas que xa se contaba nas anteriores bases do 2008.
A publicación da convocatoria de 2009 no mes de marzo, durante o terceiro Encontro Audiovisual Galicia-Brasil que moi probablemente terá lugar na segunda quincena do mes en Salvador de Bahía.
Estas decisións tomáronse en base á alta calidade dos nove proxectos presentados, o que animou á Comisión Técnica a suxerir ao Consorcio e Ancine a continuar con esta iniciativa de cara a vindeiras edicións, introducindo as citadas melloras.
Esta innovadora ferramenta de financiamento naceu mediante a sinatura o 21 de setembro de 2007 dun protocolo de colaboración, polo que se comprometían a Agencia Nacional do Cinema e o Consorcio Audiovisual de Galicia a crear un Fondo de Coprodución de proxectos audiovisuais galego-brasileiros. Este é o único acordo de coprodución con dotación económica existente entre Brasil e España.
Os primeiros froitos desta iniciativa son dúas coproducións que se atopan en fase de pre-produción: O Sexo dos Anxos, de Continental Producciones S.L. e de Ccfbr Produçoes Audiovisuais LTDA., como produción maioritaria galega, e Entre a Dor e a Nada, das produtoras MPC & Asociados, Ficción Producciones, S.L. e Filmes do Tejo, como produción maioritaria brasileira e que verán a luz a finais do próximo ano. O Encontro Audiovisual Galicia-Brasil contará con tres liñas fundamentais de actuación: un Fondo de Coprodución, un Encontro entre produtores de ambos os territorios e unha Mostra de Cine Galego.
No segundo Encontro celebrado na Coruña o pasado mes de xuño unha delegación de autoridades e profesionais do Brasil desprazouse ata Galicia con nove produtoras.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo |Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |