Os tres Manueis

Un monólito granítico, labrado por Xosé Val Díaz “Valdi”, lembra o lugar de Fontao onde, na mañanciña de tal día como hoxe de hai 47 anos, froito dunha traizoeira delación, foron abatidos tres destacados membros da guerrilla antifascista. Nunha das caras do prisma rectangular, desa pedra de material tan de nós, Valdi pintou a bandeira tricolor oficial da República, sobre a que escribiu o nome dos utentes da mesma tal e como o usaban: “Ejército Guerrillero / de / Galicia / 4ª Agrupación”. Debaixo, en letras gravadas e pintadas en vermello figura o seguinte texto: “O día 21 de abril de 1947 / aquí morreron / Manuel Ponte Pedreira / Manuel Díaz Pan / e Manuel Rodríguez (O Asturiano) / en defensa da liberdade / A 25-abril. 2009”. 


Antonte, o mesmo que fixen outras veces desde o 2004, cando se comezou a celebrar publicamente o cabodano, estiven alí, e mais no cercano cemiterio de Abellá (Frades) onde xacen os restos dos combatentes contra o franquismo, xunto cun nutrido grupo de persoas que, coma min, pensan e entenden que este tipo de sucesos da nosa historia non poden caer no esquecemento. E menos por desleixo. Máxime cando, aquí e acolá, neste noso malchamado mundo do benestar e das liberdades non paran de aflorar e gañar presenza forzas políticas de ideoloxías fascistas e/ou neonazis ás que cómpre poñer freo, se, en verdade, non queremos que a terrible historia dos anos trinta e corenta se repita, mesmo en peor. 


A brutal represión derivada da chegada ao poder desas ideoloxías motivou que certo número de persoas decidisen non renderse e continuar a loita, mesmo cos escasos medios cos que contaban e a sabendas de que a vitoria era practicamente un imposible. Ponte, Manuel Díaz Pan e Manuel o “Asturiano” foron tres deses incansables loitadores que acabaron pagando coa vida, o presidio ou o exilio o prezo da súa honesta e coherente rebeldía. 


Ben diferente foi a visión difundida polo réxime, para quen non eran outra cousa que bandoleiros, asaltantes, ladróns... Nas súas intervencións nestes actos, un dos máis activos organizadores, Baldomero Iglesias, Mero, o que foi membro de Fuxan os Ventos ou a Quenlla, adoita lembrar o que contaba Francisco Díaz Pan, irmán dun dos Manueis, de cando a familia quixo enterrar os cadáveres dentro do cemiterio. Un dos gardas manifestou non entender ben por que miraban tanto polos mortos, se non eran máis que uns bandoleiros e a mai dos Díaz Pan contestoulle que non, que non eran bandoleiros nin ladróns, senón guerrilleiros. Que os ladróns eran os que lles roubaran as botas que levaban postas cando os mataron, que o fillo non ía descalzo.


Lorenzo Varela –“Manuel Ponte”, en “Lonxe” (1954)– e Heriberto Bens (Méndez Ferrín) –“Na memoria de Ponte”, en Antoloxía popular (1972)– compuxeron versos extraordinarios en louvanza do xastre metido a guerrilleiro en defensa dos seus ideais antifascistas.
 

Os tres Manueis

Te puede interesar