Unha de zares

Unha de zares
plaza de España concierto de Los Zares

Veño de recibir un libro por correo. Un libro que vén acompañado dun cedé moi ben gravado. Un cedé moi axeitado para os gusteques que de cando en vez aínda argallamos os vellos roqueiros. Aqueles que bulíamos como loucos nas casas anexas á Horta dos Foiras, do Empedrón de Xuvia, aos aires dun “picú”, ou ben na “boite” de Casa Paco, xa no Portazgo,  onde se bailaban outras cousas. Menos “ye-yé”, mais bolero, se callar (dos que aportaba Loli Romero, a quen me permito aconsellarlle as últimas entregas neste terreo de Café Quijano). 
En fin, que andábamos naqueles anos á lúa de Valencia (ou de Venecia, con Charles Aznavour; tardei moitos anos en chegar á Vía Garibaldi, Venecia purísima, desde entón non deixo de brindarlle unha visita anual). Danzando en verbenas e saraos variados ao son de orquestras que se chamaban Trebol, Malde ou Lamas-La Piña cando comezaron aparecer conxuntos cal cogumelos após da chuvia: Los Sprinters, Los Player´s, estes máis ben tipo combo, sobre todo. E á súa sombra outros grupos dos que terá cumprida noticia quen se adentre neste libro, non outro que Los Zares. Recuerdos en blanco y negro (Asociación Músico Cultural “Los Zares”, Gráficas Sixpress, Coruña, 2015), de Sergio Noche García, da caste ou liña de Carlos Noche, un dos membros de Los Zares. 
Grupo do que tiven noticia, apenas nados, nunha verbena en Sillobre, paréceme. Isto sería no verán de 1968, e lembro moi nidiamente a versión que facían de Words. “Son palabras nada más”. Pouco máis lembro da actuación aquela, chea de brillo e fulgor, senón que Los Zares tiñan moi boas maneiras e, cando menos, dous vellos amigos meus a bordo. Dous de Neda. Manolo Pereira e Luis López, cativos os dous dos días na ribeira de Xuvia, con marés lagarteiras chegando agosto e os corpos ao sol contra da parede do almacén de fariñas de Do Pepe Area Carregado (outra potencia musical nedense, doutra maneira, claro). 
Mais agora, lendo este libro de Sergio Noche volve todo de golpe cara a mín.  Tamén, cousas da vida, o gran Manolo Casal, fundador do que logo serían Casa Tomás e Casa Paco (antes da guerra, xa con Manolo ao mando, o Hispano-Argentino). E é que Manolo Casal fora quen lle aprendera a Luis tocar a guitarra. E aparece tamén don Jesús Castro, párroco de Santa María de Neda tantos anos (corenta, diría eu), alugando o local parroquial a Los Zares para que ensaiasen (polo módico prezo de sesenta pesetas mensuais). 
Disimulade por estes pequenos interludios sentimentais, apenas un anaco cordial nun libro cheo de datos e anécdotas. Que precede un prólogo de Nico Vidal, tal Limodre, tan Felipop, tan cheo de músicas de paso que lle sae un proemio de gato ventureiro (e tan válido, xa que logo). Un libro que é pretexto, texto e contexto para que saibamos como é o panorama musical dunha bisbarra (esta) tan riquísima en todo. 
Pero porque Los Zares viñan de Astano aquí temos pinceladas con xeito para entender cousa foi Astano para o devir dun territorio que se entende con barcos (ou non se entende). 
E por certo que tamén sae don José María González-Llanos autorizando persoalmente a Los Zares para que fosen cantar a Valladolid, ausentándose do choio, iso si coa condición de que falasen de Astano (o que ten a súa lóxica, claro). Daquela Los Zares foron medrando, como artistas e persoas, mentres que Andrés Do Barro e Juan Pardo e Los Tamara e Ana Kiro (todos aquí presentes) facían o propio. E no medio de todo isto La Perla (de Perlío) recibindo o melloriño da música lixeira que aquí se facía. 
Pop e rock, con Karina, Lone Star, Fórmula V (e Los Zares de teloneiros). Moita forza e documentación nestas páxinas para que vaiamos vendo o que aquí se cociñaba daquela, cado para mercar cordas de guitarra a prezo axeitado compría adentrarse  nun piso da rúa Madalena (paréceme) onde o vendedor era un nachiño a quen lle chamábamos “O Carteiro” (ignoro se exercíá semellante oficio). Talvez si, se cadra. 
E como os tempos foron pasando, e cadaquén foi ocupando os seus días en labores varios, Los Zares non perderan os hábitos e volveron ao rego (musical). Daquela o retrato en branco e negro (moi boas a fotografías que decoran o libro) pasa ser en cores (espléndidas as camisas sicodélicas que gastan os nachiños). E aquí están de novo, tal como os teño escoitados últimamente (hai un par de anos en Canido, nunha sesión-vermú polos Maios). Máis vellos (¿quen non? ¡e que sorte!, lástima de Evaristo “Tito” Cupeiro que quedou no camiño, a el vai adicado o libro tan recomendable que teño diante miña). 
Los Zares son: Wenceslao López Pantín, Jesús Rodríguez Curros, Carlos Noche Golpe, Luis López Dopico, Manolo Pereira Galego e Juan Guillermo Vargas Fernández. E é de xustiza que os seus nomes pechen o libro, e a crónica que fago del ao aire deste amenísimo tratado. Que nos trae, igualmente, un cedé con versión zarianas de: Zapatos de gamuza azul, Las chicas son guerreras, Como vuelve la luna, Eres tú, Loco soñador, Morriña, No es nada extraño, Proud Mary, Yellow river e You got it. E agora c o voso permiso marcho, con este cedé, camiño do meu particular guateque, ver se goberno algunha historia antes de que saia a lúa. A de Los Zares queda neste libro moi ben gobernada

Unha de zares

Te puede interesar