Xulio Tenreiro: “Queremos comezar a darlle outra volta á festa das Peras”

Xulio Tenreiro: “Queremos comezar a darlle outra volta á festa das Peras”
Diario de Ferrol-2015-08-31-007-7e172bf1

O verán festivo na comarca culmina tradicionalmente no mes de setembro coa festa das Peras de Pontedeume. Este ano a comisión organizadora elaborou un programa distinto e de dúas xornadas máis de duración, do día 5 ao 11, en parte motivado polo propio calendario. Artistas como Sés, Balakandra, Faltriqueira, Víctor Aneiros, cunha homenaxe ao poeta local e universal Ramiro Fonte, ou orquestras como París de Noia ou Panorama xunto con outras propostas diarias para todos os públicos animarán as rúas da vila durante case unha semana. 
Un dos responsables da comisión, Xulio Tenreiro, destaca que o seu gran obxectivo está posto en 2016, con máis tempo para traballar “aínda que este ano xa se verán novas propostas. A comisión comezou a traballar o día 9 de agosto e fixemos a programación en tempo record, pero creo que apuntando novidades. Para o ano, con máis calma, queremos afondar e renovar este celebración sen perder as raíces”. 
A cita conta cun presuposto de 120.000 euros, dos cales o Concello de Pontedeume volve aportar 60.000. Segundo Tenreiro, un orzamento xeral superior “xa que o cartel tamén o é, porque ademais das orquestras e bandas, hai moita animación de rúa”. En xornadas maratonianas a comisión  fixo merchandising vario (camisetas, etc.) e elaborou un libro á venda en toda a vila a un prezo de 10 euros.

homenaxe a ramiro fonte
Ademais da aposta pola calidade, Tenreiro destaca en concreto varias das actividades das festas. “O día 7 faremos unha homenaxe na praza da Calzada a Ramiro Fonte, no seu aniversario e ao lado da súa casa natal, cun concerto de Víctor Aneiros. Tamén queremos ir potenciando o día da froita, que dá nome ás festas, e orientalo cara a unha feira de produtos ecolóxicos aínda que quizais máis para o ano”. 
Tampouco faltarán sorpresas relacionadas con vellas tradicións locais que poderían levarse a cabo ao redor do día 9, pero o malo dos segredos é que non poden revelarse.

Xulio Tenreiro: “Queremos comezar a darlle outra volta á festa das Peras”

Te puede interesar