O xornalista e escritor Xosé Castiñeira desvela a influenza do mar no léxico da poesía galega

O xornalista e escritor Xosé Castiñeira desvela a influenza do mar no léxico da poesía galega
Diario de Ferrol-2015-05-18-003-6343d2eb

O xornalista de El Ideal Gallego e escritor aresán Xosé Castiñeira participou onte nas Xornadas Culturais celebradas en Fisterra con motivo do Día das Letras Galegas, nas que falou sobre a presenza do mar na poesía galega ata o século XIX, obxecto de estudo da súa tese.
Durante a súa exposición salientou o léxico mariñeiro dos poetas medievais, así como as “fabulosas” descricións das tempestades na costa atlántica galega que aparecen narradas na obra “Orlando furioso” de Ludovico Ariosto.
Xosé Castiñeira comezou a súa exposición resaltando que o mar, como tema poético, é escaso na poesía galega anterior ao Rexurdimento, aínda que propuxo que habería que revisar esta afirmación moi extendida e buscar unha diferenciación entre o léxico mariño aparecido nas obras e a temática náutica nas letras galegas para considerar o mar como elemento poético ou como simple localización.

exemplos
Deste xeito, sostivo que non se pode incluír como poesía da mar aqueles poemas que citan algunha que outra palabra do campo semántico mariño e exemplificou coas famosas cantigas de Mendinho y de Roi Fernández de Santiago, ás que considera verdadeiras poesías da mar, fronte a outras que só citan navíos, ventos ou lugares.
As xornadas, que comezaron o sábado, ofreceron no día de onte unha mesa redonda sobre “Mares e versos”, moderada pola poetisa fisterrá Branca Vilela e na que, ademais do estudoso aresán Xosé Castiñeira, participaron tamén Sergio Cernadas, Leis Xosé Iglesias, Luis Lamela e Miguel Vázquez.
Como colofón á cita literaria realizouse un recital poético a cargo de autores da comarca, que leron algúns dos seus poemas ante o nutrido auditorio que se deu cita no salón de actos municipal nesta actividade arredor das Letras Galegas. n

O xornalista e escritor Xosé Castiñeira desvela a influenza do mar no léxico da poesía galega

Te puede interesar