As Xornadas Micolósicas de Pontedeume afondan nas rareazas da Amanita muscaria

O Centro Social Ocupado Casa da Estación, en Pontedeume, organiza as sextas xornadas micolóxicas na vila eumesa, que se levarán adiante entre os días 7 e 9 de novembro no seu local, nos bares da localidade e tamén nas Fragas e no Forgoselo.
O venres 7, no local do Colectivo Terra, ás 20.30 horas, será a presentación das xornadas, seguida dunha introducción ó mundo da micoloxía a cargo de Manolo Costas, presidente da asociación Viriato.
O programa do sábado 8 inclúe unha saída á Serra do Forgoselo ás nove da mañá, tendo como guía ó experto en micoloxía José María Costa Lago. Ó mediodía haberá un descanso e pincho e, xa de volta, ás tres da tarde, na Casa da Estación, un xantar con empanada, patés, fideuá e revoltos, sempre tendo os fungos e cogomelos como un elemento principal. Costa Lago, da asociación Pan de Raposo, falará a partir das cinco da tarde da Amanita muscaria, aportando distintos aspectos culturais e curiosidades sobre o coñecido como fungo matamoscas, o máis representado nas distintas artes e que identificamos cos Pitufos, cos gnomos e con todo tipo de manifestacións culturais.
A tarde seguirá ás 18.50 horas cun concurso á mellor cesta de cogomelos. Para participar hai que estar inscrito nas xornadas. Ponse como requisito aportar un mínimo de dez especies diferentes, catalogadas. Premiarase cun libro sobre micoloxía.
José María Costa Lago tomará de novo a palabra despois do concurso cunha charla co título “Cogomelos raros e interesantes”. A partir das nove haberá unha ruta de pinchos micolóxicos por ditintos bares da localidade.
A intensa actividade do sábado continuará tamén o domingo cunha nova saída, neste caso ás Fragas do Eume, ás dez da mañá. O xantar das tres da tarde celebrarase esta vez no bar O Trasteiro e pola tarde, ás seis, clausuraranse as xornadas.

inscrición
A participación nesta actividade ten un prezo de seis euros para o venres, de 15 euros se se acude ás actividades do sábado e do domingo, e de 20 euros para sumarse a todo o programa proposto. A inscrición pode facerse na Casa da Estación, no Colectivo Terra e nos bares O Trasteiro e O Varadoiro. As persoas que queiran quedar a durmir poderán facelo se avisan con antelación.
A Casa da Estación ten unha web e tamén un espazo en Facebook no que seguir as súas actividades e poñerse en contacto con eles. n

As Xornadas Micolósicas de Pontedeume afondan nas rareazas da Amanita muscaria

Te puede interesar