As Xornadas do Ateneo darán visibilidade ás bibliotecas especializadas

As Xornadas do Ateneo darán visibilidade ás bibliotecas especializadas
Imaxe das Xornadas de Documentación do pasado ano

Coa finalidade de contribuír á visibilización e difusión das experiencias desenvolvidas por algunhas das bibliotecas especializadas da cidade naval e da comunidade galega, o Ateneo Ferrolán celebrará esta semana, entre o xoves e venres, a terceira edición das Xornadas de Documentación.
Abertas a todo o público interesado –non se precisa inscrición previa– o programa incluirá charlas que permitirán achegarse ao traballo duns servizos que se erixen en auténticos instrumentos sociales para proporcionar elementos informativos á investigación, á educación e á formación académica e lúdica en ámbitos moi concretos.
As Xornadas comezarán o xoves ás cinco da tarde cunha breve inauguración que abrirá paso á primeira das conferencias (17.30 horas). Será a impartida pola profesora e vicedecana da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, Rocío Ameneiros, que poñerá en contexto o concepto, a tipoloxía e funcións das bibliotecas especializadas e as súas coleccións. Seguiralle, ás 18.30 horas, a intervención do facultativo da Biblioteca do Campus de Esteiro “Casa do Patín”, que abordará a formación en estratexias na investigación e a formación documental destinada aos estudantes de Fin de Grao. Encargarase de pechar a primeira xornada (19.30 horas) Eliseo Fernández, como responsable da Biblioteca Técnica da “Escuela Antonio de Escaño”, que achegará ao público os servizos que prestan tanto aos alumnos como ao persoal da mesma.
O cartel do venres, que comezará de novo ás cinco da tarde, permitirá aos asistentes coñecer as experiencias desenvolvidas pola biblioteca escolar do Centro Público de Educación e Promoción de Adultos do Centro Penitenciario de Teixeiro como dinamizadora da vida académica no cárcere.
Ás seis da tarde, o director da Biblioteca do Real Seminario de Mondoñedo e do Arquivo Diocesano de Mondoñedo Ferrol, Félix Villares, explicará as características dunha das máis importantes bibliotecas do país cun fondo de monumental importancia. Unha hora máis tarde falará Uxía Gutiérrez cunha charla sobre a Biblioteca Virtual do Sistema Público de Saúde de Galicia. O programa pechará cun coloquio moderado polo resposnable da biblioteca-hemeroteca do Ateneo Ferrolán, Fernando Rivera.

As Xornadas do Ateneo darán visibilidade ás bibliotecas especializadas

Te puede interesar