Xoán Rubia recibe unha homenaxe do pobo de Mugardos pola súa contribución á canción galega

Xoán Rubia recibe unha homenaxe do pobo de Mugardos pola súa contribución á canción galega
Diario de Ferrol-2015-05-05-012-1f8d073b_1

“Abraiado”. Así di sentirse Xoán Rubia desde que o Concello de Mugardos lle comunicou que lle adicaría unha homenaxe co gallo das Letras Galegas deste ano. “Un acto así, de parte do teu pobo e pola miña traxectoria dentro da canción galega, a verdade é que estou moi emocionado e agradecido”. A cita será o próximo día 15, venres, no Casino Mugardés a partir das 20.30 horas con entrada libre, e o artista agarda que o espectáculo preparado ronde a hora e media de duración. Iso si, cun formato moi diferente ao que se estila neste tipo de homenaxes e co protagonismo absoluto da palabra, “incluso por enriba da música”, asegura Rubia.

proposta anovadora
Como se dun programa de radio ou televisión ao vivo se tratase, a xornalista Xulia Díaz Sixto presentará o acto, dando paso ao propio Xoán Rubia e ao crítico musical Nonito Pereira, que manterá co cantautor mugardés un variado diálogo sobre o escenario no que repasará o que foi a súa traxectoria artística: a relación con Voces Ceibes, a canción social, a censura, o éxito popular, etc., será debullado nun diálogo áxil no que se alternará a escoita de temas gravados e en directo nos que soarán cancións emblemáticas desde o seu debut nun lonxano ano 1969, ata algún tema que se estreará nesta ocasión especial.
Só a voz, e a guitarra de Daniel Arcemian, acompañarán estes temas, unhas interpretacións que pretenden  seren espidas, afastadas de artificios e moi directas, adaptadas a esta oportunidade, pero non sempre cunha execución en solitario.
Así, Rubia contará coa presenza dunha artista como María Manuela, cun percorrido tan próximo ao do mugardés, e Mini e Mero, os dous grandes referentes de Fuxan os Ventos e A Quenlla. Pero non só haberá unha mirada ao pasado, senón que tamén estará un cantautor doutra xeración como o caso de Roger de Flor. “Quixen contar tamén con algún artista da nova fornada da música galega, e Roger pareceume moi interesante para acompañarme ese día”, salienta Rubia.Ademais, o acto verase enriquecido coa lectura de textos que para esta homenaxe fixeron o membro de Voces Ceibes Xerardo Moscoso e ou profesor Antonio Aguayo.

unha sólida traxectoria
Desde o seu debut na compañía barcelonesa Edigsa en xaneiro de 1969, Xoán Rubia publicou once discos de formato EP (sinxelos de catro temas), catro de longa duración e dous CDs. Abeirado ao movemento da Nova Canción Galega ao longo dos anos Rubia destacou por adaptar con fortuna a numerosos poetas desde Díaz Castro a Lorca pasando por Rosalía de Castro, Manuel María, Curros, Pondal, Rubia Barcia ou Álvaro Cunqueiro, entre outros. Por outra banda, cada domingo colabora con Diario de Ferrol coa súa columna “Miradas poliédricas”.

Xoán Rubia recibe unha homenaxe do pobo de Mugardos pola súa contribución á canción galega

Te puede interesar