Xesús Fraga logra con “Reo” o Premio de Literatura Xuvenil da Deputación “Raíña Lupa”

Xesús Fraga logra con “Reo” o Premio de Literatura Xuvenil  da Deputación “Raíña Lupa”
xesús fraga

O escritor e xornalista betanceiro Xesús Fraga gañou o IX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Raíña Lupa da Deputación da Coruña pola novela “Reo”. Este recoñecemento que ten como obxectivo destacar as mellores obras de literatura infantil e xuvenil escritas en galego, conta cunha dotación de 6.500 euros e a publicación da obra premiada.
Conta Fraga que a obra “narra a historia dun mozo cunha grande mestría para o debuxo a quen o que lle gusta e facer graffitis ante a oposición familiar, que desexa que o rapaz, que ten como alcume “Reo”, se adique a algo máis serio en contra da súa vocación. Todo cambia cando o seu pai entra nun ERE e as cousas cambian en casa. Ademais descubre que ten un rival na cidade que deixa máis sinaturas da súa creatividade que el”.
O tribunal destacou a obra de Fraga entre os 34 traballos presentados por “escoller unha temática actual e unha linguaxe directa para rescatar valores”. Ademais, o xurado valorou a forma elixida polo autor para “falar da identidade dun rapaz adolescente que manifesta as súas inquedanzas a través da cultura urbana”. Os membros do xurado tamén deixaron constancia de que a obra gañadora está de plena actualidade: “‘Reo’ contén interesantes reflexións sobre a realidades dos xoves dos nosos días”. O equipo de profesionais encargados de decidir o fallo reuniuse onte na sede provincial co comisario do premio, Pedro Ramos, e estivo formado por Mercedes Uria, Begoña Llamosas, Javier Pintor, Paz Castro e Fernando Molezún.
Con este fallo, o xornalista, escritor e tradutor Xesús Fraga (Londres, 1971) únese con “Reo” ao palmarés dos Raíña Lupa estreado no ano 1998 por Agustín Fernández Paz coa obra “Cos pés no aire”. A este seguíronlle “Velaí vai o verme”, de Mario Pereira; “Resalgario en Traslicia”, de Antonio Reigosa; “O armiño dorme”, de Xosé A. Neira Cruz; “Tonecho de Rebordechao”, de Breogán Riveiro; “Viaxe a Libunca”, de Antonio Yáñez; “A peripecia de Roi”, de Carlos López e “Centauros do Norte”, de Marcos Calveiro, o último premiado.

escritor completo
Ademais de xornalista, Xesús Fraga ten publiacadas varias novelas, entre elas “Solimán” (Edicións Xerais, 2004), pola que obtivo en 2003 o premio de novela Liceo Rubia Barcia-Cidade de Ferrol, ou traballos sobre gastronomía como “50 recetas con moras y otros frutos silvestres” (Alvarellos Editora). Tamén é tradutor ao galego do novelista británico Julian Barnes (“Arthur and George”) e vén de participar na edición galega de todos os relatos que sobre Sherlock Holmes escribiu Arthur Conan Doyle. n

Xesús Fraga logra con “Reo” o Premio de Literatura Xuvenil da Deputación “Raíña Lupa”

Te puede interesar