Xavier Vence: “Somos a forza rebelde que vai erguer este país”

Xavier Vence: “Somos a forza rebelde que vai erguer este país”
Centro cultural Carvalho Calero Mitín BNG con Vence

O BNG-Asembleas Abertas encheu o Carvalho Calero no seu mitin central da campaña, nun acto no que se reivindicou como motor da “construción dunha Galiza nova desde os concellos, como demostramos alí onde gobernamos”, asegurou o voceiro nacional, Xavier Vence. O candidato, Iván Rivas, referiuse a Ferrol como unha cidade “excepcional” pero coa que o Estado se comporta “dun modo desapiadado” co “silencio cómplice dos partidos estatais”.
O mitin comezou coa proxección dun vídeo humorístico no que Xosé Lois “Carrabouxo” e Isabel Risco repasaron os problemas máis graves do país, como o paro, a emigración, a baixa natalidade ou a extinción da lingua. Foi na mesma pantalla na que minutos antes se pasaban ducias de fotos nas que se deixaba constancia da presenza do BNG nos actos de protesta e reivindicación social que aconteceron na cidade nos últimos anos. A continuación falaron os primeiros postos da candidatura: Ramón Fernández (número seis), Bárbara Lamas (cinco), Xulio Rodríguez (tres) e Eva Espiñeira (dous). “Ninguén vai vir de fóra solucionar os nosos problemas”, clamaba Lamas ante o aplauso do público, mentres que Espiñeira alumeaba un Ferrol “que deixe atrás esa imaxe gris, derrotada e pesimista” e  Xulio Rodríguez defendía o BNG como a forza “que estará sempre enfronte, por moita mordaza que nos queiran poñer, en calquera agresión contra esta cidade”.
Xavier Vence lamentou que “Ferrol leve tres décadas sufrindo non só o abandono senón tamén a traizón de quen gobernou sucesivamente no Estado e, ás veces, na propia cidade” e criticou anuncios que “parece que queren confundir a política industrial coa propaganda”, en referencia ó acordo asinado por Navantia para a construción de catro petroleiros.
“No BNG”, dicía Vence, “non nos resignamos, somos a forza rebelde que vai erguer este país”. Fronte a un Concello “aliado servil dos verdugos que condenan a Ferrolterra á desindustrialización e ó suicidio”, a cidade precisa “unha volta dos nacionalismos ós concellos”. “Non imos vivir das nostalxias”, engadiu, “temos que volver gobernar Ferrol. Sabemos que non hai ningunha batalla perdida”.
Iván Rivas foi contundente coa postura dos “partidos estatais” nunha urbe “na que se ocultan os problemas reais porque non queren falar de nada que os poida comprometer”. Alertou sobre unha nova reestruturación en Navantia, “agochada” e que “avalan co seu silencio”. Nunha mención a dereita e esquerda, asegurou que “é hora de deixar de falar de estabilidade ou unidade para falar dos problemas reais desta cidade” e de contar cun goberno municipal que cuestione decisións impostas desde outras administracións. n

Xavier Vence: “Somos a forza rebelde que vai erguer este país”

Te puede interesar