Unha manifestación percorrerá Ferrol o mércores no Día do Orgullo LGBTQI+

Unha manifestación percorrerá Ferrol o mércores no Día do Orgullo LGBTQI+
As manifestacións do Orgullo -na imaxe, a de 2022- foron incrementando a súa participación nos últimos anos I J. Meis

A conmemoración, o mércores, do Día Internacional do Orgullo LGBTQI+ incluirá este ano en Ferrol unha manifestación que partirá ás oito da tarde da praza Amada García (edificio administrativo da Xunta) e se dirixirá pola rúa Real ata a praza de Amboage, onde se lerá un manifesto. É un acto organizado por Avante LGBT+ Ferrolterra que forma parte dun programa de actividades desenvolvidas nos últimos meses e que incluíron unha proxección cinematográfica no Dúplex (“120 pulsacións por minuto”) e charlas e presentacións de libros nas que se abordaron distintos aspectos da diversidade sexual.


A manifestación, que ten carácter reivindicativo, chega nun momento no que proseguen os ataques homófobos tamén na comarca –como a recente vandalización do banco multicolor do paseo marítimo de Cabanas– e nun contexto no que o discurso de odio está a se instalar nas institucións da man de partidos de ultradereita.

 

 

Institucional


No caso de Ferrol, o Concello celebra esta data con propostas semellantes ás doutros anos, baixo o lema “Libre de ser e sentir”, asumindo a campaña da Deputación da Coruña, cuxas actividades e material informativo poden consultarse na web www.seresentir.gal. Xa loce a bandeira de cores en mupis da cidade e tamén se rotulan buses urbanos. Ademais, durante toda a semana iluminarase a fachada do teatro Jofre coas cores do arco da vella e os comercios locais que se queiran adherir poden amosar os carteis con diferentes frases : “Ferrol: Orgullo de cidade”, “Ferrol entende”, “Ferrol respecta”, “Ferrol é LGBT+” ou “Ferrol libre de ser e sentir”. O propio mércores pendurarase a bandeira do movemento da fachada do Concello e do Jofre.


Retómase o roteiro “Ferrol Desviado”, que percorre a memoria das sexualidades disidentes ao longo da historia da cidade. Serán o venres ás 19.00 horas e o sábado ás 11.00, con saída do palco da música do Cantón. A inscrición pode facerse na web www.ferrol.gal/Sede/Roteiro28x.

Unha manifestación percorrerá Ferrol o mércores no Día do Orgullo LGBTQI+

Te puede interesar