A UDC determina as estratexias e obxectivos para os vindeiros anos

A UDC determina as estratexias e obxectivos para os vindeiros anos
Un momento da sesión claustral do pasado mércores presidida polo reitor Xosé Luis Armesto PEDRO PUIG

O Plan Estratéxico da Universidade da Coruña ata 2020 “retrata ben o que somos e o que queremos ser. Define como imos enfrontar a curto prazo a nosa responsabilidade de prestar un servizo público fundamental para o progreso social, cultural e económico do noso contorno”.
Así o apuntou o pasado mércores o reitor, Xosé Luis Armesto, na sesión do Claustro na que o documento foi aprobado con 91 votos a favor, 8 en contra e 44 abstencións. Articulado en varias áreas estratéxicas, recollénse diferentes obxectivos, como o relacionado coa empregabilidade –“manter a condición de universidade de Galicia cuxos graduados tardan menos tempo en atopar emprego”– ou coa investigación colaborativa e internacional –“un 50% máis de ingresos procedentes de proxectos internacionais e un incremento do 20% do número de proxectos internacionais e do 20% do número de proxectos colaborativos univesidade-empresa”–.
Entre as liñas de actuación inclúese tamén a aposta por unha produción científica de calidade que sitúe á UDC entre as primeiras vinte universidades españolas así como polas titulacións conxuntas e dobres con outras institucións nacionais e internacionais, co obxectivo de ofertar estudos o máis atractivos posible.
Acadar unha taxa de éxito e eficiencia superior ao 80%, o incremento do 50% de novas matriculacións en mestrados ou o aumento do 60% da taxa de mobilidade do estudantado, “para situármonos entre as universidades máis internacionalizadas de España”, son outros dos obxectivos marcados.
O Plan Estratéxico 2013/2020 recolle tamén o compromiso co estudantado a través do mantemento do fondo de axudas destinadas ao colectivo así como a intención de dobrar a porcentaxe de recollida separada e reciclaxe ata o 80% na busca dun menor impacto ambiental.
Dentro dos obxectivos para os vindeiros sete anos figura tamén a integración e a coordinación das estratexias e das actuacións da universidade, dos centros e de todos os servizos para xestionar de forma máis eficiente os recursos e para acadar xuntos os obxectivos comúns.

proceso
A aprobación do documento o pasado mércores culmina varios meses de traballo de preto dun centenar de persoas, o que entre outras cousas evidencia, segundo Armesto, “a importancia de contar cun modelo de goberno da universidade pública que facilite a partipación e a corresponsabilidade dentro dun sistema de goberno flexible”.
O proceso de planificación estratéxica da UDC comezou en 2004, cando se iniciaron os traballos que remataron co visto bo do primeiro plano estratéxico plurianual. Unha vez rematada a vixencia deste, fíxose necesario reflexionar sobre as prioridades da universidade “nun contexto económico de involución que limita as posibilidades de desenvolvemento”.
O Plan estratéxico estará suxeito a actualizacións posto que no marco temporal previsto é probable que se produzan modificacións que fagan necesaria a revisión dos obxectivos e das estratexias, tal e como se informou desde a UDC. Así mesmo, o documento estipula que se fará unha rendición de contas anual que recolla o grado de cumprimento do mesmo. n

A UDC determina as estratexias e obxectivos para os vindeiros anos

Te puede interesar