O Toxos e Froles celebra os cen anos da entrega da primeira bandeira galega á entidade

O Toxos e Froles celebra os cen anos da entrega da primeira bandeira galega á entidade
Festival do ano pasado do coro ferrolán no Jofre | j.m.

O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol ten preparado para o vindeiro sábado un intenso festival no que, entre outras cousas, conmemorarase o centenario da entrega da primeira bandeira galega á devandita entidad polo poeta ourensán e membro das Irmandades da Fala Antonio Rey Soto. “Aquela primeira bandeira, na que tamén aparece o escudo de Galiza e o lema ‘Toxos e Froles. Ferrol 1915’ fora bordada por Elvira Alberto, daquela directora da Escola de Artes e Oficios de Ferrol”, sinalan desde o Toxos.
O pago da mesma levouse a cabo por suscrición popular. Desde aquela, a bandeira galega presidiu todas as actividades que o coro ferrolán desenvolveu en todo este tempo. “É por isto que esta colectividade ferrolá é sen dúbida a que máis aportou para que hoxe sexa recoñecida como símbolo de Galicia”, engaden.
Xunto á celebración deste importante evento, o festival do sábado servirá para conmemorar tamén os cen anos da fundación da Irmandade da Fala Ferrolá. No acto lembrarase de forma especial a dúas figuras imprescindibles para a cultura galega e de xeito especial para o seu teatro: Euxenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Farase así unha lectura dramatizada da obra “Mal de moitos”, que tamén fora representada co gallo da entrega da bandeira ao Toxos.
 

Seccións folclóricas
O espectáculo contará así mesmo coa participación das diferentes seccións folclóricas que na actualidade conforman o Real Coro Toxos e Froles como son a Banda de Gaitas Terra de Trasancos, o Grupo de Baile Perfecto Feijoo, o Grupo de Cantareiras Gradaílle e o Coro, que levarán ao escenario do teatro ferrolán o seu novo repertorio.
“O maior protagonismo do acto será para a masa coral, que cumpre 102 anos de vida ininterrompida”, avanzan desde a entidade. “Ademais dalgunhas melodías que forman parte da nosa memoria, estrearanse outras escollidas de xeito especial para esta data, como son un Canto de Canteiro recompilado no Cancioneiro de Castosampedro e o Maneo de Pandeiro de Loureiro, peza recuperada do noso arquivo musical e que vai ser interpretada por primeira vez no Teatro Jofre”.
Desde o Toxos animan á cidadanía a participar no festival, cuxa entrada é gratuíta.

 

O Toxos e Froles celebra os cen anos da entrega da primeira bandeira galega á entidade

Te puede interesar