Todo tipo de propostas culturais para abrir os actos do Día das Letras Galegas que culminan o próximo domingo 17

Todo tipo de propostas culturais para abrir os actos do Día das Letras Galegas que culminan o próximo domingo 17
ANTÓN CORTIZAS

Desde hoxe, e ata o domingo, concéntrase a maioría dos actos das Letras Galegas en diferentes concellos e entidades culturais e sociais. Así, nesta mesma xornada a AVV San Xoán-Bertón adiantan as súas actividades a partir das 19.00 horas. O escritor ferrolán Antón Cortizas abrirá o programa cunha charla e ás 20.00 horas actuará a coral Alecrín de Brión, rematando o acto cuns pinchos.
Pola súa banda, na Biblioteca de Narón lévase a cabo a proxección de curtametraxes para conmemorar as Letras Galegas 2015. Estes traballos son “Cada can que lamba o seu”, “Valor de día” e “Narón, unha cidade XL”, todas elas creadas polo alumnado do curso de “Creación de Curtas, Blogs e Literatura Popular Galega”, realizado en 2014 no Concello. Estas curtas, aptas para todos os públicos, proxectaranse de balde ás 19.00 horas.

san sadurniño
No Concello de San Sadurniño a programación das Letras Galegas comeza ás 11.15 horas coa sesión de contacontos “Contos dende a saudade”. Marisa Irimia contaralle ao alumnado de 1º de Primaria do colexio historias escoitadas de pequena nas sobremesas da casa, relatos de animais e narracións marabillosas representativas da visión do mundo desde a tradición oral galega
Así mesmo, a biblioteca tamén armou para o mañá e o domingo unha feira de troco de libros en galego. Calquera pode levar á biblioteca un máximo tres libros en galego que teña na casa en bo estado. Por cada un deles daranlle un vale que poderá canxear por exemplares cedidos por outras persoas. Os libros estarán expostos eses dous días no recibidor da Casa da Cultura a partir das 18.00 horas. Na iniciativa participan tamén os alumnos do colexio, que teñen ata hoxe para cambiar no centro libros por vales canxeables. A feira de intercambio admite todo tipo de literatura escrita en galego.
Tamén destaca a proxección mañá ás 18.30 horas da película “A Esmorga” coa presenza do director Ignacio Vilar. Será na Casa da Cultura e posteriormente, contestará ás preguntas do público. A cualificación de idades sinala que é para maiores de 15 anos. As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden reservarse chamando á Casa da Cultura no 981 490 027.

fene
No que respecta ao Concello de Fene, organiza hoxe unha nova sesión do programa de ocio educativo “In Fene”, incluído no proxecto municipal “De peques a maiores: compartindo espazos” que pon en marcha a Concellería de Servizos Sociais coa colaboración económica da Deputación provincial da Coruña. Terá lugar no local da AVV de Perlío a partires das 16,30 horas. Aproveitando a conmemoración do Día das Letras Galegas, ten preparado para os rapaces o circuito de probas “In Fene letra a letra”, así como un concurso de regueifas e o deseño do vídeo do programa. A participación é gratuíta e a iniciativa está dirixida fundamentalmente a rapaces de idades entre os  11 e os 14 anos.
Mañá e o domingo continúan por toda a comarca os actos das Letras Galegas.

Todo tipo de propostas culturais para abrir os actos do Día das Letras Galegas que culminan o próximo domingo 17

Te puede interesar