A situación da depuradora enfronta no Parlamento ao PP coa oposición

A situación da depuradora enfronta no Parlamento ao PP coa oposición
Edar

O “escándalo da EDAR” –ou directamente “fraude” en palabras dos membros do goberno local de Ferrol– chegou onte ao pleno do Parlamento de Galicia logo de pasar por dúas comisións a pasada semana nas que deu explicacións o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira. O deputado popular Miguel Tellado presentou unha proposición non de lei sobre as actuacións do goberno galego en relación coa xestión, a explotación, o mantemento e a conservación da estación depuradora. Foi aprobada cos votos a favor do PP e o rexeitamento de todos os demais grupos parlamentarios. PSOE, AGE e grupo mixto presentaron enmendas que foron rexeitadas.
O texto aprobado insta á Xunta de Galicia a “garantir con todos os instrumentos legais ao seu alcance que o Concello de Ferrol cumpra coas obrigas adquiridas no que atinxe á xestión, explotación, mantemento e conservación da EDAR e das instalacións complementarias, garantindo en todo momento o saneamento e depuración das augas residuais de Ferrol”. Tamén a conmina a “prestar colaboración técnica e asesoramento ao Concello de Ferrol para completar o proceso de conexión de todos os interceptores á rede de saneamento, ata completar todas as fases do mesmo”.
O punto de fricción máis grave entre o PP e a oposición ten que ver co estado actual da depuradora e coa responsabilidade que se fai recaer sobre o goberno local. Estes últimos confirmaron nunha visita sorpresa que realizaron á estación depuradora a finais de agosto que a EDAR non estaba a depurar o caudal que lle chegaba (e que se incrementará en novembro segundo rematen as obras nos interceptores agora en curso) a pesar de que se estaba a cobrar unha taxa ós veciños por facelo (agora suspendida e que se devolverá) e de que se tiña anunciado que se estaban a tratar estas augas negras desde había un ano. Os informes dos técnicos municipais que os acompañaron na visita e tomaron nota da situación (só está operativo o pretratamento pero faltan as principais fases da depuración: a decantación, a biofiltración e toda a liña de fangos) acompáñanse de fotografías nas que se comproba a calidade da auga (2,2 millóns de toneladas, segundo Augas de Galicia) que, se ben non se verqueron no interior da ría, si se estiveron enviando ao mar en Prioriño, nunha zona ademais de especial protección medioambiental. 
Esas fotos esgrimíronas onte no Parlamento a socialista Beatriz Sestayo e tamén Yolanda Díaz (viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerdas) pero Miguel Tellado puxo en dúbida que se correspondesen con este mes de agosto. O parlamentario ferrolán acusou ao alcalde, Jorge Suárez, de “denunciar falsamente que a auga non era tratada para desprestixiar o proceso de posta en marcha da depuradora e poder xustificar o cumprimento da promesa electoral de non cobrar unha taxa obrigada por lei”. Ao mesmo tempo demanda que se fagan as reparacións necesarias para que se complete o arranque das instalacións segundo o calendario previsto.
Este calendario, fixado no protocolo de execución asinado entre o Concello de Ferrol e Emafesa, presenta uns custes para o período de arranque e posta en marcha de xuño de 2014 a xullo de 2015 e outros para a explotación a pleno funcionamento (a partir de agosto deste ano) que están sendo auditados por organismos externos para comprobar se a parte privada de Emafesa (Socamex-Urbaser) os incumpriu aínda que os prazos fixados neste documento xa quedaron desfasados.
Para a bancada da oposición (por parte do BNG interviu Ana Pontón) a situación é “vergoñenta” e reclaman a documentación pertinente para saber se a Xunta coñecía as anomalías da EDAR (Urbaser alega que se precisan grandes reparacións para poñela en marcha debido ao seu deterioro tras anos de abandono) e se desde Augas de Galicia se estaban a exercer as labores de control ás que están obrigados. 
Desde a Xunta descargan a responsabilidade no Concello de Ferrol, a quen acusan de paralizar o proceso de saneamento e poñer en perigo a recuperación medioambiental da ría de Ferrol e os postos de traballo asociados ao marisqueo.

reunión con augas
A situación da EDAR está na actualidade en punto morto, á espera de que a reunión que manterán mañá venres o alcalde, Jorge Suárez, e o concelleiro de Servizos, Bruno Díaz, co director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, desatasque o problema. Desde o ente que depende da Consellería de Medio Ambiente afirman que con pequenas reparacións podería empezar a funcionar a EDAR e tratar as augas negras que xa chegan alí e as que chegarán en breve (as fecais e as pluviais, posto que é un sistema non separativo que leva ata Prioriño tamén a chuvia que recollen os sumidoiros, o que incrementará o custe final de todo o proceso). O mesmo din os técnicos de Aeopas (Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento) que visitaron a EDAR, xunto coa prensa, o 21 de setembro, e non aprezaron danos tan graves como para impedir o funcionamento. 
Pero a parte privada de Emafesa di que necesita unha inversión de máis de medio millón de euros para facer reparacións. Querían sacar estas obras a concurso pero o Concello bloqueounas no consello de administración (onde están enfrontados a parte pública e a privada) á espera de que a auditoría despexe as dúbidas sobre se son necesarias. En calquera caso, tanto o goberno local como a oposición parlamentaria trasladan á Xunta e ao Goberno Central (que construíu e recepcionou a obra antes de encomendarlla a Augas de Galicia en maio de 2014) que as asuma se estas son imprescindibles.

A situación da depuradora enfronta no Parlamento ao PP coa oposición

Te puede interesar