“Sempre tivemos claro que eramos un único goberno pero con catro sensibilidades”

“Sempre tivemos claro que eramos un único goberno pero con catro sensibilidades”
Blanco Alcalde Narón

Despois de trinta e dous anos de vida política, Xosé Manuel Blanco Suárez (Ferrol, 1952) afronta  o día 24 as que serán as súas segundas eleccións municipais como cabeza de lista de Terra Galega, si ben desde o ano 2009, trala marcha de Xoán Gato,  está ao frente da corporación naronesa. Con anterioridade, Blanco militou baixo as siglas de Agrupación Nacionalista Galega de Narón nas eleccións de 1983; Partido Socialista Galego-Esquerda Galega, nos comicios de 1987 y 1991; Unidade por Narón, nos de 1995, 1999 e 2003 e Terra Galega a partir de 2007. O candidato de TEGA procede do movemento asociativo local, concretamente da AVV A Gándara, donde reside na actualidade.

Que obxectivos se marca TEGA para a cita electoral do 24 de maio?
O obxectivo prioritario do equipo de Terra Galega é consolidar o respaldo maioritario que nos deron os veciños nas urnas no ano 2011, coa confianza de poder ampliala. Queremos seguir traballando por Narón e estamos dispostos a facelo incluso aínda obtendo á maioría absoluta, invitando a outros partidos do goberno a que se sumen ao proxecto que TEGA deseñou para o municipio de Narón.

É a primeira vez que o segundo posto da lista o ocupa unha muller. Que destacaría da candidatura que o acompaña?
Destacaría a importancia de combinar a experiencia que aportan os máis veteranos coa ilusión e implicación dos máis novos. A xuventude que forma parte da candidatura de Terra Galega é xente implicada cos veciños e procede do movemento asociativo, deportivo ou cultural do municipio, coñecen Narón á perfección e queren traballar man a man cos veciños, como sempre defendemos no partido.

Que propostas destacaría do programa electoral?
O máis importante é consolidar a calidade dos servizos que se ofrecen aos veciños e veciñas de Narón. Non podemos esquecer que o saneamento da zona rural ocupa un lugar prioritario no noso programa, pero tivemos moi presente ao deseñalo, ao igual que en anos anteriores, a infancia, a cultura, o deporte e os maiores, os piares básicos da política do día a día na localidade. Terra Galega quere continuar apostando por ampliar as zonas verdes do municipio e tamén mellorar a conexión entre os barrios, compaxinando estes traballos con outros que permitan que os naroneses e naronesas sigan recoñecendo publicamente o seu orgullo por vivir neste concello. Non nos podemos esquecer, como dixen antes, do saneamento rural, que será unha das prioridades en materia de implantación de servizos na zona rural.

Trala conversión do municipio en cidade cos 40.000 habitantes, que novos retos se lle plantexan ao concello?
Narón ten que seguir crecendo e seguir sendo un municipio de referencia na comarca e tamén no resto de Galicia e España. Recentemente un informe do Consello Superior de Investigacións Científicas realizaba un estudo de 363 concellos de España de máis de 20.000 habitantes e Narón estaba no noveno posto entre os que mellor resistiron a crise, precisamente pola diversificación industrial, entre outros baremos, sendos só superado por oito concellos vascos. Esa é a liña que defendeu o noso equipo desde o principio e a que se debe manter, sen dar pasos atrás. Temos que continuar ampliando os servizos e tamén lograr que Narón deixe de mirar á estrada de Castela para facelo cara á ría. Será tamén un gran reto levar a cabo importantes actuacións en materia de recuperación do patrimonio que prevemos acometer con cargo a axudas europeas do plan que se habilitará entre 2016 e 2020.

Que fai ao municipio tan especial para que a xente que o elixe como residencia se sinta tan vencellado ao territorio? A programación cultural, as festas e outras propostas de ocio son clave para acadalo?
Recentemente coñecíanse os datos dunha enquisa na que o 92% dos veciños e veciñas de Narón aos que se preguntaba se sentían satisfeitos ou moi satisfeitos de vivir en Narón. A xente quere vivir en Narón polos servizos que se ofrecen, polas infraestruturas e, sobre todo, porque Narón seguíu medrando ano tras ano desde hai xa algo máis de tres décadas porque os veciños respaldaron o traballo realizado por Terra Galega e apostaron por que o noso equipo marcase as pautas que levasen a Narón ao grao de desenvolvemento co que conta a día de hoxe. A continuidade é moi importante en política cando as cousas se fan ben e neste caso, o equipo de Terra Galega ten demostrado que quere e sabe traballar por e para os veciños de Narón, non para as siglas dun partido nin para os dictados que chegan das cúpulas dalgunhas formacións.  O feito de contar con instalacións como o Pazo da Cultura, ter unha completa programación nesa área e algo máis de setenta entidades deportivas inscritas no rexistro municipal, así como outras actividades de ocio e servizos tamén axuda, pero iso é froito do traballo realizado.

Qué balance fai dos últimos catro anos?
O balance é moi positivo. Foi un dos mandatos máis tranquilos en Narón desde a democracia. Demostramos que tendo moi claro o obxectivo polo que pactábamos, que non era outro que a prioridade na defensa dos intereses dos veciños e veciñas, pódese gobernar sen conflitos, estean dous, tres ou catro partidos no goberno. Sempre tivemos moi claro que eramos un único goberno pero con catro sensibilidades.

Do traballo realizado, de que se sinte máis satisfeito?
Dos avances na vertebración da zona urbana e dos realizados para ampliar a rede do saneamento. En San Mateo, Castro, O Val, San Xiao e Pedroso a gran maioría das vivendas dispoñen deste servizo, que supuxo un investimento, en varios anos, de máis de dez millóns de euros. Queremos seguir traballando nesa liña e así o reflicte o acordo para o saneamento integral da ría, aínda que tivemos que negociar para que se mellorase o proxecto e se incluise o tramo do Cadaval-Neda no proxecto, se rebaixase o custe para as arcas locais e non se aplicase aos veciños de Narón unha taxa aprobada unilateralmente por Ferrol. Nestes tempos de crise tamén foi fundamental o feito de manter a calidade dos servizos que se prestan aos veciños e veciñas.

Quedoulle algo pendiente?
Non logramos avanzar o previsto inicialmente no saneamento da zona rural. Pero hai que ter moi en conta que xogou na nosa contra o escaso apoio das administracións supramunicipais. A pesar de que Narón conta cun deputado provincial, que casualmente é o candidato do Partido Popular á Alcaldía, Miguel de Santiago, e un parlamentario na Xunta, Hipólito Fariñas, nunca presentaron ningunha iniciativa nesas administracións para que colaborasen con nós, aínda que si votaron a favor de que centos de miles de euros foran para outros concellos con ese mesmo fin, a pesares de non recibir o Concello de Narón e, polo tanto os seus veciños e veciñas nin un euro para cofinanciar as obras. A  Deputación destinará unha partida ao saneamento de Sedes pero polas xestións realizadas por Terra Galega, non por iniciativa do Partido Popular de Narón.

De continuar á fronte do goberno, que sería o primeiro que faría?
Non existe unha primeira nin unha segunda cousa a facer, senón que se trata dunha continuidade no traballo xa realizado por Terra Galega e cuxos froitos son ben visibles e satiasfactorios. En TEGA non improvisamos, hai un futuro moi prometedor e imos pouco a pouco pero con seguridade.

“Sempre tivemos claro que eramos un único goberno pero con catro sensibilidades”

Te puede interesar