“Sempre fixemos un teatro con compromiso e ligado á denuncia e á busca das contradicións”

“Sempre fixemos un teatro con compromiso e ligado á denuncia e á busca das contradicións”
Teatro do Morcego en el Pazo da Cultura

Teatro do Morcego, compañía residente en Narón, celebra os seus 25 anos como profesional coa recuperación dun dos seus espectáculos máis queridos, “Misterio cómico”, con pezas de Darío Fo. Celso Parada defende no escenario este texto clásico do teatro contemporáneo, con dirección de Julio Cardoso.

Este “Misterio cómico” é unha reestrea dunha montaxe anterior de Teatro do Morcego.
É o espectáculo máis emblemático da compañía. Foi Premio Compostela no ano 92 ó mellor actor para min e mellor director para Julio Cardoso. Representouse máis de 300 veces e fixeramos xira incluso por Brasil e Buenos Aires.

Por iso a elección para celebrar o 25 aniversario?
Elixímolo porque era o máis simbólico.

É tamén un texto moi representativo do teatro.
O “Misterio bufo” de Darío Fo é unha obra que está composta de moitas historias, porque ten as Bodas de Caná, o primeiro milagre do meniño Xesús, a historia dos Papas... Son textos nos que Fo pon en práctica o que el chama o teatro popular, un teatro comprometido, de denuncia, pero baseado nas técnicas da comedia da arte, que él coñece moi ben. Nas historias que facemos nós, por exemplo, Darío Fo fabula sobre a vida do meniño Xesús como emigrante que ten que fuxir de Palestina cos pais e fai un milagre para ter amigos. É unha historia contada con moita tenrura, que ten moita gracia, pero tamén é a historia dese neno que sufriu e que fai o seu primeiro milagre, o dos paxariños, para ter amigos.

No seu espectáculo representan todas as historias do “Misterio bufo”?
Non, non. Facemos esta e a dos Papas, contamos a historia de Bonifacio VIII, que foi un dos papas máis crueis da historia, de feito o anterior escapou porque tiña medo de que lle cortara o gañote. Nesta época os papas tiñan exército e non se andaban con chiquitas. Bonifacio VIII dedicouse a perseguir ós dolcinistas, a xente que son a rama previa dos franciscanos, e aproveitou que os Cruzados pasaban por Italia para ir a Xerusalén para facer unha razia contra eles.

Fo escribiu este texto a comezos dos 70, Teatro do Morcego representouno nos primeiros 90 e agora no 2014. Segue sendo de actualidade?
Si, e de feito durante o espectáculo eu fago moitas parénteses para falar de temas de actualidade. Na historia de Bonifacio VIII, a soberbia, o poder omnímodo, están presentes. A do meniño Xesús é a historia dun neno emigrante, dun neno que sofre, o conflito palestino vémolo aínda aletargado hoxe en día.

Hai poucas semanas estreaban en Narón “Diálogo do can co seu amo”.
Esta si que é unha historia de moita actualidade, de hoxe, de xente sen teito, que vive na rúa. Está funcionando moi ben e a xente tamén quere ver cousas así, que toquen a realidade.

Pode ser unha característica de Teatro do Morcego, estar moi pegado ó que acontece.
Normalmente sempre fixemos un teatro ligado un pouco a iso, facemos comedia pero tamén conectados con esa realidade. De feito montamos máis obras de Darío Fo, que é un autor que a min me gusta moito, como “Morte accidental dun anarquista” hai uns anos, que tivera moito éxito. É un pouco a liña da compañía, facer comedia pero tamén un teatro que ten un certo compromiso e que está ligado a esa denuncia e á búsqueda desas contradiccións que hai na sociedade, como fai Darío Fo.

Cúmprense 25 anos como compañía profesional e parece obrigado ver o feito ata aquí.
A verdade é que si. A traxectoria da compañía é longa, aguantar tanto tempo nun sistema teatral como o galego xa ten o seu mérito. O momento máis importante noso foi cando puidemos traballar como compañía residente en Narón e seguimos aí. Pero claro, as compañías residentes eran un proxecto a tres bandas no que participaban a compañía, Agadic e o Concello. Hoxe seguimos simplemente co apoio do Concello pero claro, Narón é unha excepción, porque no resto dos concellos baixou moitísimo a programación, máis dun 50% e iso notámolo moitísimo.

“Sempre fixemos un teatro con compromiso e ligado á denuncia e á busca das contradicións”

Te puede interesar