“Seguimos sendo Bucanero pero cun toque máis cara o social”

“Seguimos sendo Bucanero pero cun toque máis cara o social”
Pedro Picos e Xosé Bonome, abaixo, acompañados de Lino Braxe e Manuela Varela daniel alexandre

Durante toda a presente semana Pedro Picos e Xosé Bonome, o dúo Bucanero, están a ultimar na capela do Centro Torrente Ballester os ensaios da súa estrea máis esperada, “Os amos do mundo”. Mañá, ás 20.30 horas, presentarán no Jofre esta agardada peza escrita por Carmen Blanco, adaptada e dirixida por Lino Braxe (coa axuda de Manuela Varela), que supón un xiro cara o social do dúo trala súa anterior antibelicista “A delgada liña boba”. 
Pedro Picos e Xosé Bonome non agochan a ilusión verquida nun proxecto que comezou hai case un ano a súa xestación.
Como naceu “Os amos do mundo”? 
Tralo anterior espectáculo decidimos apostar por alguén da comarca e lle encargamos a Carmen Blanco este texto. Logo pasámosllo a Lino Braxe quen fixo unha adaptación excelente sobre unha obra xa moi boa e moi traballada. Levamos meses afinando unha peza que pensamos que vai gustar moito. Fala dun encontro peculiar entre o presidente do Fondo Monetario Internacional, único sobrevivinte dun accidente aéreo nas montañas galegas, e un antisistema revolucionario, fuxido naquela paraxe. Os dous, dous mundos.  

É necesario tocar temas novos no teatro, sobre todo en tempos de crise como os actuais? 
Ante todo hai que dicir que facemos unha comedia e que o título xa o di todo: “Os amos do mundo”. Falamos de goberno e de poder. Quixemos plantexar un tema clave hoxe e facelo dun xeito fondo. Ten un toque máis social aínda que isto segue a ser Bucanero na súa esencia.

Como foi o proceso de construción da obra? 
Foi moi longo, desde o inverno pasado. A obra de Carmen pasou polas mans de Lino, que aportou moito. Ao principio duraba dúas horas e media!, ata que quedou na hora e media actual. Desde o mes de maio andamos metidos en ensaios, con retoques pero que ao final son os que aportan cousas ao espectáculo.

Despois de dous anos a ilusión e os nervios regresan? 
Moito, porque ademais agardamos un montón deste proxecto. Despois da estrea de mañá estaremos en Mera (Oleiros) o 7 de novembro e no mes de decembro en Sada. Pero antes, pasaremos pola Feira de Teatro de Galicia en Santiago, a onde van todos os programadores. Temos moitas expectativas.

O regreso de Bucanero vai estar centrado en “Os amos do mundo”? 
Non, imos participar nun proxecto con Cachirulo Teatro para o próximo ano sobre un texto de Manuel Rivas. Facemos de piratas e cousas así, xa veredes.

“Seguimos sendo Bucanero pero cun toque máis cara o social”

Te puede interesar