Sedes regresa desde hoxe á época castrexa co Oenach Atlántico

Sedes regresa desde hoxe á época castrexa co Oenach Atlántico
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-df9f70ff_1

A AVV Rosa dos Ventos e o Concello de Narón organizan a XVII edición do Oenach Atlánticio que desde hoxe e ata o domingo se celebran na Feira do Trece e no castro de Eiravedra de Sedes. O programa comeza ás 21.00 horas coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial na aldea castrexa. A continuación chegará a quenda da noite de música galiciana con Treixadura Gaiteiros.
A actividade continuará mañá coa apertura da campa castrexa ás 11.00 horas, onde haberá un mercadiño cunha vintena de postos e tamén unha mostra de artesanía con cestería e madeira, na que participarán diversos creadores procedentes de diferentes concellos galegos, ademais dun obradoiro de cociñado de porco ao espeto. Na nave central da Feira do Trece haberá tamén varias exposicións que trasladarán a veciños e visitantes á época castrexa.
Ás 14.00 horas comezará o Oenach Gastronómico, no que se poderán degustar menús cociñados ao xeito castrexo. Veciños de Sedes prepararán o menú, no que non faltarán as bolas de tixola, o pan de millo e a carne ao caldeiro, que se servirán nun posto que se ubicará nas inmediacións das pallozas.
Despois da comida o programa dará paso a actuacións teatrais, unha exhibición de Jugger –un xogo que mestura a loita medieval e o rugby– e ás 22.30 será o turno da Noite do Castro, coa recreación teatral en Eiravedra da obra “A fraga maldita”, cun elenco formado polos veciños de Sedes, que integran a Grande Compañía de Teatro Comunitario local. Ás 00.30 haberá unha chourizada popular para a que este ano se recuperará a ubicación da Feira do Trece, onde se reunirán os comensais. A xornada nocturna estará amenizada por tres grupos musicais. 
Na xornada dominical retomarase a actividade ás 11.00 horas, coa recreación museística viva da aldea castrexa e á mesma hora comezarán as exhibicións caninas. O teatro e a comida, con porco celta e xurelo lañado como menú do Oenach, a partir das 14.00 horas, darán continuidade a un programa que, pola tarde, inclúe exhibicións de xogos populares, unha carreira ao castro de Eiravedra aberta a todas as  idades con inscrición ata media hora antes de iniciarse. Ás 20.30 horas entregaranse os trofeos e clausurarase outra edición do Oenach Atlántico.

Sedes regresa desde hoxe á época castrexa co Oenach Atlántico

Te puede interesar