• Sábado, 16 de Diciembre de 2017

Séchu Sende protagoniza hoxe no Antigo Hospicio unha nova sesión do Club de Lectura de Poesía

O Club de Lectura de Poesía que desde hai once anos se vén desenvolvendo no marco das actividades da Biblioteca Municipal da Praza de España baixo a coordinación de Karlotti mudará hoxe o seu escenario habitual debido ao peche temporal do devandito espazo.

Séchu Sende protagoniza hoxe no Antigo Hospicio unha nova sesión do Club de Lectura de Poesía
Séchu Sende, en imaxe de arquivo
Séchu Sende, en imaxe de arquivo

O Club de Lectura de Poesía que desde hai once anos se vén desenvolvendo no marco das actividades da Biblioteca Municipal da Praza de España baixo a coordinación de Karlotti mudará hoxe o seu escenario habitual debido ao peche temporal do devandito espazo.
Será pois o salón de actos do Antigo Hospicio, situado na rúa Méndez Núñez, nº 11, o lugar que esta tarde, ás 19.30 horas, acolla unha nova sesión desta iniciativa. Desta volta, contarase coa participación do escritor Séchu Sende, que lerá algúns dos seus poemas ante os asistentes á sesión, de entrada libre e gratuíta.
Os comezos de Sende na poesía están vinculados ao Colectivo Poético Serán Vencello, formando parte da xeración dos 90, erixíndose máis tarde tamén como un dos narradores de principios do século XXI. Así o avalan, entre outras cousas, os diferentes premios literarios acadados ao longo da súa traxectoria, como o Premio Blanco Amor en 2003 coa súa novela “Orixe” ou o Ánxel Casal ao Mellor Libro do Ano en 2007 co libro de conxunto de relatos curtos “Made in Galiza”.
A lingua, ecoloxía, igualdade de xénero e historia de Galicia son algúns dos temas fundamentais na ampla obra do autor, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa.