Séchu Sende: “O problema dos kurdos coa súa lingua é moi semellante ó noso”

Presentou na Fundación Artabria o libro “Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas”
O escritor Séchu Sende presentou na Fundación Artabria o libro no que recolle as experiencias na súa viaxe ó Kurdistán en 2010, con motivo da tradución ó turco e ó curdo do seu libro de relatos “Made in Galiza”.
Séchu Sende: “O problema dos kurdos coa súa lingua é moi semellante ó noso”
imaxe da presentación do libro, onte, na sede da fundación artabria luis polo
imaxe da presentación do libro, onte, na sede da fundación artabria luis polo

O escritor Séchu Sende presentou na Fundación Artabria o libro no que recolle as experiencias na súa viaxe ó Kurdistán en 2010, con motivo da tradución ó turco e ó curdo do seu libro de relatos “Made in Galiza”. Trátase dunha obra autoeditada e que tamén distribúe pola súa conta (en Ferrol, pódese atopar na Central Librera) na que reflicte as vivencias coa súa familia nesta aventura e, nunha segunda parte, recolle os textos que escribiu para a presentación do libro nas feiras de Estambul e de Amed (a capital do Kurdistán turco), así como as introducións que se realizaron para estas dúas edicións, feitas no ano 2010.

“Un kurdo que veu de viaxe a Galicia e que coñecía o galego atopou en ‘Made in Galiza’ un conto que falaba sobre o seu país”, explica Séchu Sende. Esa foi o comezo dun periplo curioso. “O kurdo é unha lingua que practicamente está prohibida no estado turco, non está nas escolas, e aínda así o libro foi correndo de man en man e chegáronse a vender 6.000 exemplares e foi elixido o mellor libro do ano na súa lingua”.

a tradución ó kurdo de made in galiza correu de man en man e chegáronse a vender 6.000 exemplares

Alí chegaron incluso a dubidar da existencia do tal Séchu Sende, xa que pensaban que o libro o escribira o propio editor, cun seudónimo, para evitar represalias. Así que a súa viaxe serviu tamén para probar que desde Galicia, a máis de 5.000 quilómetros, había quen se preocupaba pola situación deste pobo sen estado (repártense entre Turquía, Irak, Irán, Siria e Armenia). “O problema dos kurdos coas súa lingua é moi semellante ó noso, é unha lingua minorizada, avergóñanse de falala, o estado turco exerce moita opresión. Pasa como aquí, que os nenos entran na escola falando galego e ós poucos meses xa falan en castelán”, afirma Sende.

Hai tamén “un conflito político común a Galicia ou por exemplo a Cataluña, á Bretaña ou a Euskalherría, que é que o pobo, ou parte del, quere exercer a autodeterminación”. É unha situación que no Kurdistán ten como consecuencia un conflito armado entre a guerrilla e o exército, con distintos momentos de tregua. Salvando as distancias, Sende establece tamén un paralelismo “coas últimas detencións que houbo en Galicia identificando independentismo con terrorismo, de forma teatral e obscena. Trátase de detencións políticas”.

Neste contexto, e nun momento no que se enfía na zona un novo proceso de paz, o caderno de viaxe é unha boa forma de aproximarse a este pobo “desde un punto de vista humano”, explica o autor, a través das vivencias e debuxos que foi anotando no seu diario. “O que nos une son as emocións e os sentimentos. Sepárannos máis de 5.000 quilómetros, somos culturas moi diferentes pero sentimos de forma moi semellante e emociónamos polas mesmas cousas”.