O San Xoán acenderá esta noite centos de lumeiradas na comarca

O San Xoán acenderá esta noite centos de lumeiradas na comarca

Centos de fogueiras alumearán esta noite os municipios da comarca de Ferrolterra co gallo do San Xoán. Concellos, asociacións de veciños e outros moitos colectivos teñen todo preparado xa para gozar dunha celebración que, como é tradición, permitirá celebrar a entrada do verán e cumpir cos rituais asociados á data.
O salto das cacharelas ou a purificadora auga con plantas e flores para lavar a cara mañá estarán moi presentes nunha cita na que, por suposto, haberá espazo para a gastronomía. Coas sardiñas e o churrasco como menús protagonistas da xornada, as múltiples festas desta noite concederán tamén un importante espazo para a música.
Ferrol
En Ferrol, o cadro pequeno de Esteiro (a carón do Tercio Norte) será un ano máis o escenario da gran lumeirada organizada polo Concello xunto á AV de Esteiro e a SCRD San Carlos. O pasarrúas do grupo “Berros de Castro” comezarán coa animación musical sobre as 19.30 horas, para aproximadamente unha hora máis tarde comezar a sardiñada na praza do 11 M. A actuación de Parranda la Nuestra (21.00 horas) precederá ao acendido da fogueira –sobre as 23.00 horas– e que incluirá unha sesión de foguetes artificiais.
Outro dos puntos quentes da celebración do San Xoán deste ano na cidade ferrolá será o barrio de Canido. A entidade veciñal, xunto a asociación Muíño do Vento, programou unha “Festa do Lume” que hoxe dará comezo ás 18.00 horas cun roteiro de recollida de flores e herbas para elaborar a tradicional auga de San Xoán. A actividade, que partirá desde o Centro Cívico, desenvólvese en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural.
Ás 21.00 horas dará comezo, na explanada do Centro Cívico, unha sardiñada, para as 22.00 horas abrir paso ao concerto de rock do grupo “Auténticos Farsantes”. O acendido da lumieira está previsto para as 23.30 horas. Mañá sábado, haberá unha “lavada colectiva de cara” coa auga preparada (10.30 horas) e unha conferencia de Antón Cortizas sobre a Noite de San Xoán (21.00 horas).
Outro barrio do municipio, o de San Xoán de Filgueira, abrirá esta noite as súas grandes festas, que se prolongarán ata o domingo. Unha sardiñada (19.00 horas), a verbena a cargo do Grupo Bomba e da Disco Móbil Eme Music co DJ Marcos Magán, así como o acendido da lumeirada (ás doce da noite) con queima de bruxa e queimada incluída. A cantante Melody será o prato forte da verbena de mañá, na que tamén actuarán Versalles e A Clave.
A parroquia de Esmelle vivirá tamén unha fin de semana de festas que arrancará esta noite, a partir das 23.00 horas, cunha verbena do Grupo Tribal e fogueira ás doce da noite. O programa de festexos continuará mañá con misa, o pregón de Miguel Loureiro ás 14.30 horas, sesión vermú e a Ruta dos Muíños (18.00), como preámbulo á verbena con Fin de Siglo e Combo Dominicano.
No municipio ferrolán foron solicitados permisos para prender 214 fogueiras.
Narón
Entre as numerosas lumeiradas previstas para esta noite no municipio naronés inclúese a organizada pola comisión de festas da Gándara. O programa dará comezo a partir das 19.00 horas na praza da Gándara coas exhibicións  de hip-hop do grupo Doble H Kids e de zumba coas instrutoras Carlota Manso, Mónica Corral e Margaret Vila. A continuación haberá música en vivo e hinchales para a partir das 20.00 horas  comezar a sardiñada e churrascada. Ás doce da noite haberá unha queimada e baile oriental a cargo de Rosa Salanova Shakti. A VV Altea de Narón convida tamén esta noite unha sardiñada. l

O San Xoán acenderá esta noite centos de lumeiradas na comarca

Te puede interesar