Reportaxe | Unha factoría de músicos de todos os paus que aposta polo talento da cidade

Reportaxe | Unha factoría de músicos de todos os paus que aposta polo talento da cidade
Aínda que teñen preferencia os empadroados no Concello e menores de 30 anos, os baixos están abertos á cidadanía sempre que haxa oco | jorge meis

Levan soando oito anos pero aínda son moitos os que descoñecen a existencia ou a actividade dos locais de ensaio de Ferrol, uns espazos de titularidade municipal creados ao abeiro da Xunta. Actualmente son 14 os grupos –unhas 70 persoas– que fan uso das instalacións ubicadas no Mercado da Magdalena, dous deles formados integramente por mulleres. “Tiñamos un de pandereteiras pero dúas delas están agora con Xavier Díaz”, comenta a responsable da xestión dos locais, Nerea Purriños, que se encontra ao frente desta iniciativa desde o 2012, aínda que soamente hai dous anos que o fai traballando coa nova empresa adxudicataria, Atlantic Ponte 2000, que tamén coordina os espazos da Coruña e Pontevedra.
Educadora social de profesión, Purriños leva toda a vida vencellada á música –“toco a pandereta e estiven nun coro desde os 6 aos 18 anos”–, polo que cando xurdiu esta oportunidade non o dubiduo nin un momento. “Velos crecer e traballar é unha chulada, teño xente que leva aquí desde que eu entrei... Pola miña profesión, aposto moitisimo polo fomento das relacións, colaboracións entre eles, difusión e promoción”, indica Nerea, ao mesmo tempo que sinala que a finalidade dos locais de ensaio pasa por que “a parte de que teñan un espazo onde aprender, sexa tamén de dinamización, ademáis de dar a coñecer todo o que estamos a facer aquí porque hai moitisimo traballo que a xente descoñece”.
Os requisitos para facer uso destes espazos municipais baséanse en ser residente en Ferrol e que polo menos a metade dos compoñentes do grupo estén empadroados no Concello e sexan menores de 30 anos. Pero, debido á existencia de ocos libres –os locais abren todos os días e, aínda que hai uns horarios establecidos, son flexibles en funcións das necesidades dos usuarios–, apostouse por ofrecer a iniciativa a todo o mundo. “O que facemos é que, se hai sitio, entra todo o mundo”, ainda que semper van ter prioridade os que cumpren os requisitos.
Así como non existe unha idade media da xente que accede ás instalacións da Magdalena –hai desde adolescentes a xente de 65 anos–, tampouco se pode falar dun xénero que abunde nos baixos do mercado, aínda que, de maneira inmediata, sempre se pense no rock. “É certo que en Ferrol somos rockeiros de sempre. Pero tamén dame rabia que non se saiba que ven xente a tocar a gaita, o acordeón ou que fai indie. Hai de todo, música tradicional, pop rock, death metal, punk...”, destaca Purriños.
Ao longo de todo o ano hai dispoñibilidade de solicitar unha praza nos locais de ensaio a través do Rexistro Municipal e os usuarios poden disfrutar de catro salas de ensaio con batería, amplificación de guitarra e baixo e microfonía en todas elas, ademais dunha sala de grabación totalmente equipada e un almacén onde a xente pode deixar os intrumentos. “Agora faise un mantemento dos locais que non se fixo nunca, co pintado de verxas, a instalación de luces e o cambio de baterías, que levabamos coas mesmas desde que abrimos. Por fin agora vexo que a corporación se está implicando e dándonos un sitio”, explica Nerea.
Formación aberta a todos

Unha das novidades que incluiron o pasado ano os locais de ensaio é a formación gratuita para toda a cidadanía. “Antes o que pasaba é que soamente os usuarios tiñan acceso aos cursos e master class que se ofrecen e agora conseguimos que por fin se abrise a todo o mundo, sen necesidade que teñan relación co mundo da música, como pasou co obradoiro que impartiu o guitarrista de Los Suaves ou Cabe García”. Así, nestes obradoiros, que normalmente se fan no Ateneo Ferrolán e se anuncian no Facebook dos locais de ensaio, teñen prioridade a xente dos locais e, se quedan plazas, pode acceder calquera persoa interesada, sempre baixo previa inscripción.
Unha das partes importantes do traballo de Nerea Purriños é a difusión e a búsqueda de iniciativas para os grupos que ensaian semanalmente –sobre todo os fins de semana, cando moitos estudantes que van á Universidade noutras cidades volven á casa–. “Temos que facer como mínimo dúas actuacións no ano e, normalmente, as realizamos en espazos municipais como o Torrente ou o Centro Cívico de Caranza. E este ano, por fin, conseguín que o día de Reis se fixese un concerto de cinco grupos no Cantón cunhas condicións técnicas super boas. E tamén facemos audicións en directo nos locais”, comenta. Debido a que o seu ámbito de actuación é meramente municipal –hai anos falouse de proxectos a nivel autonómico pero nada se sabe deles–, Purriños fai un chamamento a que se aposte polo local e que “se conte con eles en eventos para darlles un sitio na cidade e que se coñeza o seu labor”. “Ferrol, de toda a vida, é unha cidade super musical e paréceme que temos un montón de profesionais, polo que somos un recurso ao que acudir".

Reportaxe | Unha factoría de músicos de todos os paus que aposta polo talento da cidade

Te puede interesar